7 de out. de 2024

O ROSAL

Música, telleiros, murgas e sabores locais na Festa do Outono do Pilar, no Rosal  

•  A praza do Calvario acollerá do 11 ao 13 de outubro unha ampla programación con homenaxe aos telleiros, concertos, contacontos, a III Feira de Produto ou o IV Memorial Irmáns Flores  

  


Infogauda / O Rosal 

 O Rosal volverá vibrar esta fin de semana cunha das súas celebracións máis emblemáticas, a Festa do Outono do Pilar. Unha cita que regresa un ano máis cunha programación especial que encherá a Praza do Calvario de cultura, tradición e sabores locais. Do 11 ao 13 de outubro, a veciñanza poderá desfrutar como cada ano dun evento que combina o produto local, coa música, actividades para toda a familia, arte e homenaxe aos cabaqueiros nun ambiente festivo e de lecer único.  

 “A Festa do Outono do Pilar non é só unha celebración, é un reflexo do noso orgullo como rosaleiros e rosaleiras e da nosa capacidade para preservar e compartir as nosas tradicións”, destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora resaltou que este ano contarase “cunha programación máis diversa que nunca, pensada para todos os públicos” e convidou a veciñanza e visitantes a unirse á celebración. 

Presentación do libro ‘As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño’

 A Festa do Outono do Pilar arrancará o venres 11 de outubro coa presentación do libro ‘As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño’, unha obra do escritor e documentalista Xabier Maceiras que documenta o vínculo entre O Rosal, A Guarda e A Laracha e a súa importancia na industria artesanal de Galicia dende inicios do século XX. O libro pon de manifesto a importancia do Baixo Miño na historia das telleiras larachesas e recolle testemuños de veciños como o de José Álvarez Alonso (Pepe O Buraco), telleiro (cabaqueiro, na xerga gremial) e memoria viva da historia do Rosal. A presentación será ás 20.00 horas no Centro Social Polivalente, con entrada de balde. 

Actuación do grupo Sun Iou

 A xornada continuará coa actuación do grupo Sun Iou, unha banda galega que mestura rock, punk, pop e música raíz da terra, fusionando a gaita coas guitarras dun xeito diferencial  e reivindicando a autenticidade dun proxecto que nace para deixar pegada. O concerto, de balde, será ás 22.00 horas na Praza do Calvario, na que se habilitará unha carpa no caso de choiva.  

Feira de Produtos do Rosal

 O sábado 12 comezará coa apertura de portas ás 11.00 horas da terceira edición da Feira de Produtos do Rosal, un espazo de encontro e exposición, degustación e venda que contará coa participación de produtoras e produtores do municipio e da comarca. Na mesma carpa da Feira dos Produtos as e os visitantes poderán desfrutar da sesión vermú ás 13.00 horas a cargo do grupo SonGodin’s, que interpretará en directo con notas de guitarra, unha sutil percusión e voces moi melódicas versións de cancións pop das décadas dos 70, 80 e 90. Por outra banda, ás 12.00 horas terá lugar a misa cantada pola Coral Ecos do Folón e banda da Agrupación Musical do Rosal.  

 Pola tarde, ás 17.00 horas, o escritor Xabier Maceiras volverá ser o protagonista lendo o pregón e dando comezo á demostración do traballo dos cabaqueiros. Xa ás 18.00 horas a cativada e as súas familias poderán desfrutar de ‘Filipa cos Contos’, unha sesión contacontos moi participativa coa que se busca abrir a Festa do Outono do Pilar a todos os públicos con dinámicas e actividades para toda a familia.

IV Memorial Irmáns Flores

 A xornada rematará co cuarto Memorial Irmáns Flores, unha homenaxe aos músicos rosaleiros organizada pola asociación Gaiteiros da Xistra que contará cun encontro de murgas populares coa actuación de Silva Redonda, de Zurrumalla e de Cantigas e Frores. O acto será ás 20.00 horas na Praza do Calvario, aínda que se trasladará ao auditorio municipal do Rosal en caso de mal tempo.  

Concerto da banda de música da Agrupación Musical do Rosal

 O domingo 13, pechando a fin de semana, a banda de música da Agrupación Musical do Rosal ofrecerá un concerto ás 16.30 horas no auditorio municipal. 

Exposición colectiva de Severino e Carmen P. Ulloa

 Ademais, ao longo dos tres días da Festa do Outono do Pilar, a sala de exposicións do Concello estará aberta ao público coa exposición colectiva de Severino e Carmen P. Ulloa, unha invitación a xogar coa cor e as formas, onde a vida cotiá racha e abre para facer á e ao espectador partícipe da expresión plástica. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario