2 de out. de 2024

O ROSAL

O Espazo Crianza do Rosal abre de novo as súas portas  

  O Concello ofrece este servizo gratuíto de acompañamento na crianza para embarazadas e familias con bebés de 0 a 6 meses  




Infogauda / O Rosal 

 O Rosal estrea un novo curso do seu exitoso Espazo Crianza, un espazo de encontro posto en marcha polo Concello para ofrecer apoio, información e aprendizaxe ás mulleres embarazadas e ás familias con bebés de 0 a 6 meses. Un servizo gratuíto de acompañamento na crianza que ofrece “unha oportunidade única para vivir a crianza dun xeito respectuoso e consciente, nunha contorna de confianza e libre de xuízos, unha canle de comunicación a través da que dar ferramentas a nais e pais para enfrontar esta nova etapa da súa vida”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 O Espazo Crianza comezará o 9 de outubro e abrirá as súas portas os mércores alternos dividido en dous grupos: de 16.30 a 17.45 horas para embarazadas e de 18.00 a 19.15 horas para as familias con bebés de 0 a 6 meses. En cada sesión abordaranse diferentes temáticas a través de contidos teóricos e dinámicas prácticas que se adaptarán ás necesidades de cada unha das persoas participantes.  

 O grupo de 'Acompañamento na xestación consciente' axudará ás futuras nais a prepararse para un parto consciente, afondando nos cambios físicos e psicolóxicos do embarazo, ademais de ensinar posturas para aliviar a dor e técnicas de preparación para o parto ou o postparto en compañía. Pola súa parte, as sesións para familias con bebés estarán centradas en fomentar unha crianza respectuosa, proporcionando ferramentas para entender mellor as necesidades de nenos e nenas, dende as primeiras horas de vida e as probas de cribado dos primeiros días e dos hábitos hixiénicos ata cuestións como a alimentación do bebé ou a estimulación para o seu desenvolvemento.  

 As persoas interesadas deberán inscribirse previamente a través do formulario dispoñible na web do Concello. Para máis información, tamén se pode chamar ao 986 62 50 00 ou escribir ao correo electrónico: educacionfamiliar@orosal.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario