4 de out. de 2024

O PORRIÑO

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia o acordo da aprobación definitiva do proxecto para a construción dunha senda na estrada autonómica PO-407 en Porriño 

O DOG tamén recolle hoxe a aprobación das expropiacións para executar un itinerario de case 1 km pola marxe dereita da vía, para dispor dun novo espazo para tránsito peonil independente da calzada nunha zona de vivendas e acceso ao colexio Cruz de Budiño


Plano de planta da actuación na PO-407
Fonte: X.G.

Infogauda / O Porriño

 A Xunta vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo da aprobación definitiva do proxecto de trazado para executar unha senda peonil na estrada autonómica PO-407, no concello do Porriño.  

 Trátase de executar un itinerario de preto de 1 quilómetro de lonxitude na marxe dereita desta vía autonómica, que discorre integramente polo municipio, que conta cun tráfico maioritariamente local, cunha importante funcionalidade ao contar con vivendas na súa traza e dar acceso a un equipamento educativo como o colexio público Cruz de Budiño.  

 Esta actuación de mellora da seguridade viaria, especialmente para os peóns, suporá un investimento autonómico de 425.000 euros, no que se inclúe o pagamento dos 32 predios necesarios para executar a obra.  

 A publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 23 de setembro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública e o informe das administracións afectadas pola execución desta intervención.  

 O obxectivo da Xunta é convocar o levantamento de actas previas das expropiacións e licitar as obras no primeiro semestre de 2025. O prazo para acometer os traballos é de 8 meses. 

A intervención 

 En concreto, a intervención proxectada consiste na construción dunha senda no treito da estrada PO-407 comprendido entre os puntos quilométricos 0+130 e 1+020, creando un espazo seguro para o tránsito peonil independente da calzada, xa que esta carece na actualidade dunha zona destinada á circulación dos peóns.  

 A actuación deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta permitirá a execución dunha senda en formigón coloreado de ancho mínimo de 1,80 metros, agás nun estreitamento puntual na contorna do punto quilométrico 0+750, onde existe unha estrutura.  

 De cara a facilitar a accesibilidade, nos vaos peonís previstos, colocarase pavimento táctil de botóns ou direccional, formado por baldosas de 30x30 centímetros sobre unha base de formigón. O pavimento táctil, indicador de advertencia ou proximidade a puntos de perigo, situarase nos extremos da senda para indicar o final da mesma, así como nas paradas de autobús ou nos pasos de peóns para advertir a posibilidade de cruzamento con seguridade.  

 As obras previstas inclúen melloras da seguridade adicionais, como o acondicionamento das paradas de autobús existentes nos puntos quilométricos 0+280 e 0+960. En ambos os casos acondicionarase e ampliarase a zona peonil, sinalizarase o refuxio e disporase de pavimentos que cumprirán as normativas vixentes de accesibilidade.  

 A intervención completarase con traballos adicionais de instalación dun prisma soterrado de telecomunicacións e iluminación, a mellora dos sistemas de drenaxe, a recolocación de contenedores de residuos, sistemas de contención, construción de muros ou reforzo da sinalización.  

 Esta nova actuación da Xunta é susceptible de financiamento dos fondos europeos FEDER 21/27.  

 O departamento que dirixe María Martínez Allegue continúa a traballar no impulso de actuacións que favorecen unha Galicia mellor conectada e máis vertebrada, mellorando as comunicacións nos municipios e favorecendo unha mobilidade máis cómoda, segura e sostible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario