4 de out. de 2024

O PORRIÑO

A Xunta de Galicia comeza a execución das obras da nova senda peonil na parroquia de Budiño, en Porriño 

A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou os traballos que se veñen de iniciar na PO-510 e que suporán un investimento de máis de 250.000€


A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres xunto ao alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, as obras que acaba de iniciar a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas na nova senda peonil na parroquia de Budiño

Foto: X. G.

Infogauda / O Porriño

 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres xunto ao alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, as obras que acaba de iniciar a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas na nova senda peonil na parroquia de Budiño, no concello do Porriño.  

 A través desta actuación, que suporá un investimento autonómico de máis de 250.000 €, están a iniciarse os traballos para habilitar na estrada PO-510 este itinerario é favorecer a seguridade dos veciños nos seus desprazamentos a pé nesta parroquia do municipio, en concreto na zona da Vaquería.  

  As intervencións deseñadas polo departamento de Infraestrutura da Xunta centrarase en reforzar a seguridade e a mobilidade dos peóns neste treito de estrada que ten unha densidade de tráfico moi elevada, alcanzando máis de 20.000 vehículos diarios.  

 En concreto, executarase unha senda, cunha lonxitude de 640 metros pola banda esquerda da estrada, de 1,80 metros de ancho con bordo e unha elevación con respecto á rasante da calzada de 10 centímetros, agás nos accesos ás vivendas ou fincas.  

 Nas beirarrúas, e onde así o indique a normativa de accesibilidade, colocarase pavimento táctil nos vaos peonís, para aumentar a seguridade con sinais que fomentan a inclusión. A actuación en execución tamén inclúe o acondicionamento da parada de autobuses e a substitución da marquesiña existente, para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público.  

 As intervencións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia, a través do que a Xunta xa executou máis de 300 km de itinerarios peonís e ciclistas e prevé acometer nesta lexislatura outros 150 km máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario