10 de out. de 2024

GALICIA

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL 

O Día Mundial da Saúde Mental pon o foco  no coidado da saúde mental na contorna laboral  

Esta celebración, que ten lugar o 10 de outubro, pretende concienciar sobre os problemas de saúde mental e trasladar aos axentes competentes as reivindicacións e necesidades do colectivo. 

O 47% das persoas ocupadas sinalan atoparse expostas a factores de risco para a súa saúde mental no traballo, e as baixas por motivos de saúde mental incrementáronse nun 16% o último ano. 


Usuaria de Saúde Mental FEAFES Galicia insertada laboralmente
Foto: S.M. F. G.


Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS) e que este ano centra a súa temática na importancia de coidar a saúde mental na contorna laboral. Cómpre sinalar que, segundo o Ministerio de Traballo e Economía Social, o 47% das persoas ocupadas indican atoparse expostas a factores de risco para a súa saúde mental no seu lugar de traballo1. 

 Segundo a Organización Internacional do Traballo, ter un traballo decente significa poder acceder a un ingreso xusto e á seguridade no lugar de traballo, mellores perspectivas de desenvolvemento persoal e de integración social, liberdade para expresar opinións e participar nas tomas de decisións, e igualdade de oportunidades e de trato. Por iso, a contorna laboral inflúe de xeito determinante na saúde mental das persoas. 

 Sen embargo, nos últimos anos, as baixas laborais relacionadas coa saúde mental aumentaron considerablemente, sendo esta a segunda causa máis común de baixas, tras os trastornos musculoesqueléticos. No 2023 rexistráronse en España case 600.000 baixas por este motivo, un 16% máis que o ano anterior, segundo o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións2. 

 Neste contexto, o estigma segue a ser unha realidade na contorna laboral. A metade das persoas traballadoras que deixaron de ir ao traballo por un problema de saúde mental agocharon o motivo real da súa ausencia. E na outra cara da moeda, o 60% das persoas traballadoras que pasou por un problema de saúde mental non deixou de ir ao traballo. 

 A precariedade laboral está en moitas ocasións detrás do malestar que senten as persoas na súa contorna laboral. Baixos salarios, contratos temporais, falta de conciliación, elevados ritmos ou sobrecarga de traballo, acoso laboral ou brecha salarial, son algunhas das formas que pode adoptar a precariedade laboral. España é un dos países da Unión Europea con maior taxa de poboación ocupada en risco de pobreza e exclusión social e máis da metade das persoas empregadas no noso país son precarias. 

 Promover o benestar emocional nas empresas reduce o absentismo laboral, favorece o compromiso, a produtividade e o rendemento do persoal. Ademais, todo isto mellora a imaxe e a reputación das compañías. Con todo, a pesar de que o 76% das empresas afirma preocuparse pola saúde mental, a cifra descende ao 47% cando se lle pregunta ao persoal sobre este compromiso da empresa e aínda baixa máis, ata o 38%, se responden as persoas con problemas de saúde mental. 

 Por iso, a propósito do Día Mundial da Saúde Mental, Saúde Mental FEAFES Galicia insta ás empresas a que se impliquen na creación de contornas laborais seguras, saudables e inclusivas, nas que se coide e se fale de saúde mental, sen tabús nin prexuízos. Igualmente, pídese á Administración Pública que impulse medidas contra a precariedade laboral e o control de riscos psicosociais no tecido empresarial.  

A inserción laboral, fundamental para as persoas con problemas de saúde mental 

 Para as persoas con problemas de saúde mental, o traballo, ademais de ser un camiño cara a normalización e a integración, ten tamén unha función terapéutica, pois despraza o rol de “persoa enferma” polo rol de “persoa traballadora”. 

 Segundo o INE, a taxa de emprego das persoas con problemas de saúde mental é do 17,55%, a máis baixa de todas as discapacidades. Segundo a experiencia da nosa entidade, un problema de saúde mental non ten por que ser un impedimento para obter un emprego. Na maioría dos casos, as persoas con problemas de saúde mental non só son capaces de traballar, senón que acaban sorprendendo ao empresariado pola súa dedicación, motivación e calidade de traballo. 

 En Saúde Mental FEAFES Galicia levamos máis de 20 anos desenvolvendo o Servizo de Formación e Emprego para persoas demandantes de emprego con problemas de saúde mental, beneficiándose del máis de 7.000 persoas e demostrando que, cando hai un servizo especializado detrás, a inserción laboral do colectivo pode ascender ata o 62%, cifra acadada pola nosa entidade no 2023. 

 Para dar a coñecer este servizo, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, lanzamos un vídeo na nosa canle de YouTube que amosa como se traballa de xeito personalizado, integral e especializado para conectar ás empresas coas persoas demandantes de emprego con problemas de saúde mental, eliminando as barreiras que atopan no seu acceso ao mercado laboral e favorecendo o mantemento do posto de traballo.   

Saúde Mental FEAFES Galicia 

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 que ten como misión representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con problemas de saúde mental, as súas familias e persoas achegadas. De carácter social, Saúde Mental FEAFES Galicia trata de adoptar medidas que contribúan á mellora da calidade de vida destas persoas. O seu ámbito de actuación abrangue todo o territorio autonómico, agrupando actualmente a 12 asociacións que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario