10 de out. de 2024

CULTURA

Pontevedra vai acoller por vez primeira o Certame Galego de Bandas de Música no que competirán 15 formacións 

  Preto dun milleiro de intérpretes participarán nesta 17ª edición, que se celebra no Pazo da Cultura do 18 ao 20 de outubro  


Hoxe foi presentado o Certame Galego de Bandas de Música que celebrará a súa 17ª edición do 18 ao 20 de outubro no Pazo da Cultura, de Pontevedra

Foto: X.G.

Infogauda / Pontevedra

 A cidade de Pontevedra será por vez primeira sede do Certame Galego de Bandas de Música, que celebrará a súa 17ª edición do 18 ao 20 de outubro no Pazo da Cultura. Este mesmo espazo foi hoxe o escenario da presentación do evento, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares coa colaboración económica da Xunta de Galicia no marco do seu apoio á actividade anual deste colectivo que integran 94 formacións das catro provincias.  

 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, explicou que a continuidade deste certame, con 15 bandas en competición que suman un milleiro de intérpretes, é a cita central do convenio a través do que a Xunta incrementa ata os 200.000 euros a súa achega para reforzar o traballo da devandita federación a prol da música bandística. Esta contía supón un incremento de máis do 40% respecto a 2023 para contribuír tamén á recuperación do concurso CreaSons e dos encontros sinfónicos, así como á celebración do 17º Concurso Galego de Composición e  do sétimo Festival de Bandas Infantís e Xuvenís.  

 O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou a organización do certame non só por “incentivar o labor das bandas federadas dándoo a coñecer da mellor maneira, que é actuando sobre un escenario”, senón tamén pola incorporación de destacadas formacións de fóra de Galicia e doutra serie de novidades para “facelo cada vez máis atractivo tanto ao público como aos propios participantes”.  

Promover a accesibilidade e a integración 

 Neste sentido, a Banda de Música de Arzúa será a encargada de inaugurar o encontro o venres 18 co seu espectáculo de fusión Rock á galega, proxecto mellor valorado no CreaSons 2024. Como explicou Sutil, este concurso retomouse no marco do programa Innova que, engadiu,  “xa se desenvolvera en anos anteriores co obxectivo de estimular iniciativas que exploren novos escenarios musicais para a fusión con outras manifestacións e que teñan un impacto social positivo a través da accesibilidade ou a integración”.  

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, asistiu así mesmo a esta presentación, na que tamén interviñeron os representantes da Federación Galega de Bandas de Música, da Deputación Provincial de Pontevedra e do Concello pontevedrés, e que finalizou coa actuación dun sexteto formado para ocasión por intérpretes de cinco das bandas participantes: Israel Quintas (saxo, A Limia), José Carlos Benavides (tuba, Valladares), Roi Xesteira (bombardino, Arcade), Manuel Garrido (trompeta, Cabral), Antía Lago (clarinete, Beade) e Andrés Bernárdez (percusión, A Limia).  

 A listaxe completa das agrupacións galegas seleccionadas está composta pola Agrupación Musical do Rosal, Banda Escola de Música de Beade, Banda de Música Popular Airiños do Morrazo de Moaña, Unión Musical de Coruxo, Banda de Música Unión Musical de Tenorio, Banda de Música Artística de Arcade, Banda Infantil de Lalín, Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, Banda Xuvenil da Unión Musical de Meaño e Banda-Escola da Banda Municipal da Estrada.  

 Xunto a elas, actuarán tres bandas de prestixio de fóra da nosa Comunidade: a Banda Filarmónica de Amares de Portugal, a Banda Infantil Maestro Lupi de Benavente e a valenciana Banda Xuvenil da Societat Artística Musical d’Alginet.  

 Cada unha delas deberán interpretar unha peza de presentación, unha obra de libre elección e outra proposta pola organización, seleccionada entre as obras premiadas en anteriores edicións do Concurso Galego de Composición. Técnica, sonoridade, interpretación e escena serán os catro bloques valorados polo xurado para determinar os gañadores de cada sección, entre os que se distribuirán máis de 20.000 euros en premios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario