A CIG convoca unha asemblea para abordar o preacordo de convenio da industria química
• Terá lugar o vindeiro martes 15 no local do sindicato en Vigo ás 11:30 horas
Infogauda / Galiza
A CIG vén de anunciar a convocatoria dunha asemblea de delegados/as sindicas do sector da industria química para abordar o preacordo de convenio colectivo asinado entre a patronal e CCOO. O encontro, no que se decidirán tamén as medidas a adoptar como resposta, terá lugar o vindeiro martes 15 de outubro no local da CIG de Vigo ás 11:30 horas.
Segundo explican dende a federación de Industria da CIG, o preacordo foi ratificado na xuntanza da mesa negociadora do convenio que se celebrou onte en Madrid, da que se descolgou a UGT. “A patronal quedara de enviarnos a súa ultima proposta para a negociación, cousa que non fixo, negándonos a información a pesar de que formamos parte da mesa e somos a central maioritaria no sector da industria química en Galiza”.
A CIG-Industria sinala que o método de negociación que se puxo en práctica durante todo o proceso -“e que nós como sindicato denunciamos”- só serve para precarizar aínda máis as condicións laborais do sector ao non asumir as centrais estatais as demandas dos cadros de persoal e non confrontar as propostas máis lesivas da patronal FEIQUE.
“Pola información que temos, o incremento salarial pactado sería do 3% para cada un dos tres anos de vixencia do convenio, e a revisión salarial estaría topada no 1% os dous primeiros e no 2% o terceiro se o IPC fose superior”. Tamén habería unha redución de xornada de oito horas no total da vixencia do convenio.
Pola súa banda, a central sindical reclamaba unha revisión salarial anual conforme ao IPC real (sen topes) “para non volver padecer a perda salarial que supuxo o anterior convenio”. Así como asumir a redución de xornada no cómputo diario, semanal e anual. “Cousas que non se contemplan neste preacordo”, censuran. O resto de materias do convenio só son enunciados e están pendentes de redactar. “Estamos a falar unicamente de intencións, polo que veremos como quedan ao final, xa que non existen actas das reunións; estamos pendentes de que nos envíen o preacordo e o texto definitivo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario