O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, exemplo de turismo sostible en Galicia
• Representantes da Secretaría de Estado de Turismo e da Axencia de Turismo de Galicia visitaron xunto a autoridades dos 14 concellos tres dos proxectos que se están a desenvolver no territorio ao abeiro do PSTD
Infogauda / Redondela, Nigrán, Baiona e Tui
A sustentabilidade marca o camiño para o futuro do turismo no Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Unha delegación da Secretaría de Estado de Turismo e da Axencia de Turismo de Galicia visitou este venres unha visita de campo no marco da xornada técnica dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), un programa do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo financiado con fondos europeos NextGenerationEU co que promover intervencións integrais para crear destinos turísticos sostibles e resilientes fronte aos efectos do cambio climático.
Ao longo da mañá, visitaron os proxectos que se están a desenvolver en Redondela, Nigrán, Baiona e Tui a Directora Xeral de Políticas Turísticas da Secretaría de Estado de Turismo, Ana Muñoz Tabarés; a Subdirectora Adxunta de Desenvolvemento e Sostibilidade Turística do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Ilona Shekyants; o director de Competitividade de Turismo de Galicia, Iván Meléndez; a xefa da área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia, Marta Trebolle; así como alcaldes, alcaldesa, concelleiros, concelleiras dos 14 municipios do territorio e persoal técnicos das diferentes institucións.
Uns proxectos cos que o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño mantén íntegro o seu espírito de colaboración na execución do seu PSTD – A Despensa de Galicia, apostando por un enfoque global e transversal evitando as accións puntuais nos concellos e desenvolvendo proxectos conxuntos que potencien o territorio como destino turístico sostible e de calidade. Como explica a presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, Sandra González, esta visión compartida “permite maximizar o impacto das actuacións reforzando a identidade común e promovendo un crecemento equilibrado e respectuoso co medio ambiente”.
Rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares da ensenada de San Simón
A primeira parada da visita de campo foi na enseada de San Simón, onde se está a desenvolver un proxecto pioneiro de rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares, intermareais e do esteiro da contorna. A intervención neste espazo, parte da Rede Natura 2000, incluirá actuacións para a rexeneración do destino para mitigar o cambio climático coa retirada de especies invasoras e residuos sólidos urbanos, así como a elaboración dun inventario da biodiversidade da zona e material didáctico relacionado co ecosistema que permita a divulgación e repercusión do proxecto e o seu impacto entre as e os turistas que visiten o destino, como a posta en valor do espazo natural, as súas especies de interese e hábitats.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a importancia de iniciativas como esta “para protexer e rexenerar a nosa contorna cultural, que é unha responsabilidade que temos co noso patrimonio ecolóxico e coas xeracións de futuro. A enseada de San Simón é unha xoia ambiental que debemos preservar”. No encontro tamén participaron Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén; Nidia Arévalo, rexedora de Mos; concelleiras e concelleiros de Redondela e Mos e persoal técnico do proxecto.
Rexeneración e mellora do esteiro da ‘Foz do Miñor’
A seguinte parada na visita foi na ponte de Ramallosa, onde a delegación puido coñecer o proxecto que se levará a cabo de rexeneración e mellora do esteiro da Foz do Miñor, un espazo crucial para a prevención de inundacións e doutros riscos derivados do cambio climático. Incluirá, entre outras accións, o acondicionamento do sendeiro existente, un plan de prevención de riscos e, de ser o caso, sistemas de alerta rápida, así como de reforestación e arborización da contorna, substituíndo especies non autóctonas e secas para garantir a sustentabilidade do ecosistema.
“Estamos encantadas e encantados de poder desenvolver proxectos que potencian unha imaxe homoxénea e de conxunto no Val Miñor e que repercuten na propia paisaxe ao tempo que supoñen unha mellora medioambiental e de accesibilidade”, destacou o alcalde de Nigrán, Juan González.
Unha idea na que incidiu a concelleira de Turismo de Baiona, Sheila González, que salientou que “a mellora deste esteiro non só axudará a previr danos futuros, senón que converterá a Foz do Miñor nun punto de referencia para o turismo sostible e a biodiversidade”. No encontro tamén participou o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, así como concelleiros, concelleiras e persoal técnico dos tres municipios.
Mellora da iluminación artística e eficiencia enerxética de elementos patrimoniais en Tui, Mos e Gondomar
A visita de campo rematou na Catedral de Tui, un dos lugares no que se acometerá o proxecto de mellora da iluminación artística e eficiencia enerxética de elementos monumentais e artísticos do patrimonio material en tres puntos do territorio: a propia catedral, o conxunto de escaleiras e a igrexa de San Benito de Gondomar e elementos patrimoniais localizados no Camiño de Santiago ao seu paso por Mos.
O obxectivo é poñer en valor elementos singulares do patrimonio material e cultural con vistas ao seu aproveitamento turístico, xerando tamén novos espazos de actividade turística nocturna co embelecemento dos elementos iluminado, incrementando o número de visitas, fidelizando o destino e posicionándoo tamén con actividades complementarias, en especial propostas culturais e gastronómicas vencelladas á interpretación da historia e do patrimonio.
Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, “a posta en valor do noso patrimonio cultural, mellorando a súa iluminación e eficiencia, non só embelece a nosa contorna, senón que tamén permitirá crear novas oportunidades turísticas e culturais, fomentando a aparición de actividades sostibles e de calidade”. Nesta visita, a delegación estivo acompañada ademais pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero; edis e persoal técnico tudense.
Con estes proxectos, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño demostra o seu compromiso cun turismo sostible, desestacionalizado e de calidade que respecte e potencie o patrimonio natural, histórico, patrimonial e cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario