17 de set. de 2024

TUI

O Concello de Tui adquire novo material para cursos de RCP e manexo dos desfibriladores  

• Protección Civil de Tui e Policía Local, xunto co médico tudense Rosendo Bugarín, impartirán obradoiros básicos en colexios e instalacións deportivas 


O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, con dúas persoas voluntarias de Protección Civil, na prensetación do novo material
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O Concello de Tui vén de adquirir novo material, un manequín pediátrico e un chaleco de adestramento da manobra de Heimlich, que xunto ao manequín adulto e o simulador de desfibrilador (DESA) xa dispoñible dende antes da pandemia, servirán para a realización de novos obradoiros básicos de reanimación cardiopulmonar e manexo dos DESA.  

 Así, os voluntarios de Protección Civil de Tui, xunto ao persoal da Policía Local de Tui e o médico tudense, Rosendo Bugarín, retomarán estas formacións para asociacións deportivas tudenses e a comunidade educativa de Tui.  

 O Concello de Tui dispón de 10 desfibriladores, dous nos coches de Protección Civil de Tui, unha unidade na Policía Local, e sete en instalacións deportivas municipais; Pavillóns Gustavo Rodríguez e A Macoca; Campos Municipais de Fútbol “Álvarez Durán”, de Tui; O Foxo, de Caldelas; A Gándara, de Guillarei; e Santa Comba, de Ribadelouro; e no Centro Interfederado de Tui.  

 O obxectivo de ter un concello cardioprotexido é prioritario para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, resaltando o traballo desinteresado tanto de Rosendo Bugarín, como dos voluntarios de Protección Civil e Policía Local, en pro da formación tanto no uso dos DESA, como na realización do RCP.

Ningún comentario:

Publicar un comentario