17 de set. de 2024

DEPORTES

PIRAGÜISMO

OS TEIXUGOS LUÍS FERNÁNDEZ E MANU OCHOA, NA COPA DO MUNDO DE IVREA 

 

Luís Fernández e Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos.

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 Do 12 ao 15 de setembro celebrouse na cidade italiana de Ivrea a penúltima das Copas do Mundo de Slálom e caiac cross na que participaron deportistas de todo o mundo. Cada país pode enviar a un máximo de tres representantes por categoría. Entre os integrantes do equipo español estaban Luís Fernández e Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos.   

 Luís Fernández, en canoa, comezou a súa participación o venres coas clasificatorias. A sorte non acompañou ao salcedense, pois o vento forzou varios toques que o penalizaron e ademais provocou a suspensión da repesca. A pesares de facer unha boa baixada, os  tres toques nas portas deixárono fóra das semifinais por apenas décimas de segundo. Rematou en trixésimo primeira posición.  

 Manu Ochoa tivo dobre participación, en slálom e en caiac cross.  

 En slálom K1, comezou o xoves coas clasificatorias, conseguindo o pase a semifinais con dúas boas baixadas. O sábado intentou conseguir un dos dez postos das finais pero quedou lonxe, rematando a competición vixésimo.  

 En caiac cross, modalidade na que é un gran especialista, comezou coa contra reloxo, facendo unha gran baixada, quedando noveno, a menos de un segundo do primeiro clasificado. Na fase de enfrontamentos superou oitavos de final e caeu en cuartos. Rematou a competición no décimo lugar.  

 Con esta competición Luís pecha a tempada oficial; pola súa banda a Manu aínda lle queda a Copa Final a celebrar a próxima semana na Seu D´Urgell.

Ningún comentario:

Publicar un comentario