Cultura no ámbito rural
Abel Losada anima aos concellos da provincia a solicitar as axudas do Ministerio de Cultura para a modernización de bibliotecas municipais
• Poden participar nesta convocatoria 59 dos 61 municipios da provincia
• O obxectivo do programa é reforzar o acceso á lectura e a participación da cidadanía nas zonas rurais
• As subvencións poderán ser destinadas á compra e instalación de equipamento tecnolóxico, mobiliario, sistemas de climatización e á mellora da eficiencia enerxética
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, animou aos concellos da provincia cunha poboación inferior a 50.000 habitantes a solicitar as subvencións en réxime de concorrencia competitiva, que por primeira vez vén de convocar o Ministerio de Cultura, para facer máis modernas e sostibles as bibliotecas públicas municipais. Baixo estas condicións, poden optar a este programa todos os municipios pontevedreses que teñan unha biblioteca municipal, agás Vigo e Pontevedra, que superan a poboación.
Losada informou de que as axudas poderán ser destinadas á compra e instalación de equipamento tecnolóxico, mobiliario, sistemas de climatización e á mellora da eficiencia enerxética. Os criterios de valoración priorizarán os municipios con menor poboación. Ademais, poñerase unha énfase especial nas propostas que incorporen elementos que faciliten o acceso e a comodidade de persoas maiores, con discapacidade ou con mobilidade reducida.
O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto ata o día 25 de setembro a través da sede electrónica do Ministerio.
Acceso á cultura no ámbito rural
O subdelegado do Goberno subliñou que o obxectivo xeral desta nova liña de axudas do Ministerio de Cultura é reforzar o acceso á lectura e a participación da cidadanía na cultura no ámbito rural. Así, enmárcase nos obxectivos fixados polo Pleno do Consello de Cooperación Bibliotecaria para o Plan Estratéxico 2024-2028, enfocado na sustentabilidade, a accesibilidade, a innovación tecnolóxica e a profesionalización do sector bibliotecario. Precisamente, a primeira liña estratéxica deste cuarto plan é promover a sustentabilidade e a accesibilidade universal nas bibliotecas e incrementar o acceso a bibliotecas e servizos bibliotecarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario