6 de set. de 2024

PONTEVEDRA

Luis López anuncia o reparto de 1,6 millóns de euros do Plan +Aqua entre 173 comunidades de usuarios de augas de 43 concellos da provinciae augas de 43 concellos da provincia 

 O presidente da Deputación subliñou que “tiñamos unha débeda coas comunidades de augas, que desenvolven un papel imprescindible nos espazos máis afectados pola desigualdade territorial e, desta maneira, reafirmamos o noso firme compromiso con elas”  

  

Luis López - no centro - nun momento da Xunta de Goberno celebrada no Pazo provincial este venres día 6 de setembro de 2024
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra 

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou o reparto  de 1,6 millóns de euros entre 173 comunidades de usuarios de augas de 43 concellos da provincia para que poidan sufragar gastos destinados a mellorar a calidade da auga e o estado das instalacións de captación, potabilización, abastecemento e almacenamento de augas de consumo. Ademais, o goberno provincial aprobou ampliar o prazo de execución e xustificación das obras en seis meses desde a concesión, é dicir, ata o 6 de marzo. “Tiñamos unha débeda coas comunidades de augas, que desenvolven un papel imprescindible nos espazos máis afectados pola desigualdade territorial –asegurou o presidente provincial– e, desta maneira, reafirmamos o noso firme compromiso con elas”.  

 “A Deputación acertou na súa aposta de apoiar o tecido veciñal e comunitario a través deste plan, o +Aqua, para as comunidades de usuarios de augas, e do Provincia Comunitaria, para as asociacións veciñais”, asegurou o presidente ao referirse a estas iniciativas nas que “recoñecemento, participación, sustentabilidade e unha nova forma colectiva de entender a construción da provincia se daban a man”. Luis López tamén remarcou que “a Deputación acertou na súa aposta. Sentímonos abrumados polas expectativas e a acollida destes plans, proba de que o movemento asociativo e veciñal da provincia pasou oito anos nun ostracismo por razóns ideolóxicas e de que existía unha necesidade real e crecente de apoio a estes colectivos que realizan un labor tan importante”.  

 A Deputación recibiu, tal e como informou Luis López, un total de 264 solicitudes, das que 208 cumprían os requisitos previstos nas bases para recibir as axudas, sendo excluídas 56 por diferentes razóns, como non presentar a memoria correspondente ou non acadar a solicitude o orzamento mínimo. Das 208 que cumpren os requisitos, 172 reciben 10.000 €, o importe máximo, mentres que a última, ata chegar ás 173, recibe só 3.000 € ao esgotarse o crédito dispoñible. O resto das aprobadas (35) pasan a formar parte dunha lista de agarda.  

 Cos recursos do +Aqua, as comunidades de auga poderán realizar melloras no control e calidade da auga, actuacións de eficiencia ou de rehabilitación, construción de redes, impermeabilización de depósitos ou instalación de pozos e canalizacións, entre outras actuacións. En concreto, benefícianse das axudas do +Aqua  comunidades de usuarios de augas de 43 concellos (A Cañiza, A Lama, Arbo, As Neves, Baiona, Caldas de Reis, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Fornelos de Montes, Forcarei, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Salvaterra, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa e Vilagarcía).

Ningún comentario:

Publicar un comentario