24 de set. de 2024

OIA

O Concello desenvolve labores de limpeza en vías e camiños para a prevención de incendios  

 

Fonte: Concello de Oia

Infogauda / Oia

 O Concello de Oia vén de realizar diversos labores de limpeza en vías e camiños de titularidade municipal como parte das actuacións que, ao longo do ano, se desenvolven en materia de prevención de incendios forestais.  

 As actuacións contan cunha subvención de 1.600 euros da Consellería de Medio Rural para accións de prevención e defensa contra os incendios forestais no ano 2024 e cunha achega municipal.  

 A través desta subvención realizaronse traballos de limpeza con tractor na Estrada Bonaval-Vilachán do Monte, Estrada A Portela con Aldea, Estrada de Mavia a Loureza e Estrada Galgueiro e Camiño das Chans ata a EP-2202 Baiona-Loureza.  

 Os anteditos traballos de prevención enmárcanse dentro da submedida 8.3 “Axuda para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes” do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020, polo que están cofinanciadas polo Feader (75%), a Administración Xeral do Estado (7,5%) e a Xunta de Galicia (17,5%).  

Motobomba  

 Por outra banda, a través do convenio para accións de defensa e prevención de incendios asinado entre o Concello e a Xunta, un ano máis tamén se está a financiar, cun importe de 15.000 euros, a contratación de 3 condutores motobomba durante 3 meses, encargados da posta en funcionamento do vehículo durante a tempada de incendios.   

 A alcaldesa, Cristina Correa, destaca a importancia de contar cun vehículo motobomba que permita chegar aos incendios o antes posible, sendo determinante a inmediatez nas actuacións de extinción para evitar desastres maiores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario