24 de set. de 2024

O ROSAL

O Rosal volve mollarse polos ríos   

 Participa na limpeza simultánea deste domingo 29 impulsada por Adega e coordinada no municipio pola asociación A Jalleira  




Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal implícase un ano máis coa limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) ao abeiro do Proxecto Ríos. O vindeiro domingo 29 de setembro celebrarase a décimo sétima edición desta xornada que impulsa a recollida e retirada do lixo que pode haber á beira dos ríos ao tempo que conciencia á veciñanza sobre a necesidade de manter limpos de residuos os ríos e toda a súa contorna natural.  

 Nesta xornada de limpeza do Rosal, que estará coordinada pola Asociación Forestal e de Educación Ambiental A Jalleira en colaboración co Concello e con Adega, os voluntarios e voluntarias procederán á limpeza do río Tamuxe. A xornada comezará ás 09.45 horas e terá como punto de encontro o muíño das Aceñas.  

 A actividade está aberta a todos os públicos. Todas as persoas interesadas en participar poden solicitar información ou inscribirse enviando un correo electrónico a ajalleira@gmail.com ou a través da páxina de Facebook da asociación. 

 A concelleira de Medio Ambiente e Voluntariado, Beatriz Rodríguez, anima a todas a veciñanza rosaleira a unirse a esta nova edición de limpeza de ríos simultánea, que o ano pasado mobilizou a máis dun milleiro de persoas voluntarias en toda Galicia. 

 Recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, protección solar en caso de que o tempo o demande e calzado para auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario