6 de set. de 2024

MEDIO AMBIENTE

A Xunta de Galicia concede preto de 2,5M€ en axudas a concellos, particulares e entidades para preservar e mellorar a biodiversidade da rede Natura 2000 

 O obxectivo é financiar proxectos que contribúan ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats así como á mellora da paisaxe rural tradicional


A directora xeral de Patrimonio Natural reuniuse con representantes de varias comunidades de montes veciñais en man común de Sarreaus   
Foto:X.G.

Infogauda / Galicia 

 A Xunta de Galicia concede preto de 2,5 millóns de euros a axudas para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade, tanto da rede Natura 2000 como dos sistemas agrarios de alto valor natural, tal e como recolle a resolución que publica hoxe o Diario oficial de Galicia

 Os beneficiarios destas axudas son os concellos incluídos total ou parcialmente na rede Natura 2000 de Galicia, que reciben algo máis de 1,1 millóns de euros; as persoas físicas -máis de 630.000 euros-, e entidades como asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común, que se reparten preto de 750.000 euros. O financiamento poderá alcanzar o 100% do custo subvencionable cun importe máximo de 30.000 euros no caso dos concellos e de 15.000 euros no resto dos casos. 

 Segundo dixo hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, durante a reunión que mantivo no Concello de Sarreaus con representantes das comunidades de montes veciñais en man común de Codosedo, Lodoselo e Pazos de Codosedo, o obxectivo desta orde de axudas, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, é subvencionar proxectos que contribúan ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats así como á mellora da paisaxe rural tradicional. 

 Así, tal e como explicou Marisol Díaz, entre as actuacións subvencionables, inclúense iniciativas para preservar os hábitats ou ecosistemas naturais como, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas como zonas importantes para a flora e a fauna acuáticas ou terrestres. 

 Ademais, poderán recibir financiamento actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas. 

 A maiores, tamén serían subvencionables actuacións dirixidas á rehabilitación de elementos históricos ou culturais como hórreos, milladoiros, cabanas, fontes, alvarizas, muíños ou fornos tradicionais. 

 A Rede Natura 2000 é un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. En Galicia está conformada por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA), que abarcan máis de 100.000 hectáreas, e 59 zonas especiais de conservación (ZEC), que ocupan preto de 375.000 hectáreas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario