17 de set. de 2024

O ROSAL

Os ‘Venres rebuldeiros’ chegan ao Rosal para facer da lectura unha aventura inesquecible   

 O Concello organiza tres novas sesións contacontos para a cativada ao abeiro do seu programa de dinamización lectora



 

Infogauda / O Rosal  

 O outono converterase no momento perfecto para que a rapazada rosaleira comece a súa aventura coa maxia dos libros. O Concello do Rosal pon en marcha os ‘Venres rebuldeiros’, un ciclo de contacontos cos que se busca introducir á cativada no apaixonante mundo da lectura e da literatura dun xeito ameno e divertido. Tras o exitoso paso polas Eiras a pasada semana, esta iniciativa trasládase agora á biblioteca municipal, ofrecendo un espazo onde a imaxinación e o saber cobran vida dun xeito lúdico e participativo. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salientou a importancia desta proposta dentro do programa de dinamización lectora do Concello. “Queremos que pequenos e pequenas descubran que a lectura pode ser unha aventura, un xogo... e que cada neno e nena asocie a lectura cunha experiencia emocionante, creativa e inesquecible”, resaltou.  

 A primeira cita terá lugar o vindeiro venres 27 de setembro ás 18.00 horas cunha sesión de contacontos sensorial dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos. Un espazo onde a cativada e as súas familias poderán explorar a lectura a través dos sentidos cunha experiencia inmersiva única. Limitada a 15 prazas, as persoas interesadas en participar deben reservar a súa praza chamando ao teléfono 986 62 50 00. 

 O ciclo continuará o venres 18 de outubro cunha proposta que promete risas e aprendizaxe a partes iguais con ‘A bruxa Marixa non quere ser bruxa’. Un espectáculo para nenos e nenas de 5 a 10 anos no que participarán de forma activa para axudar a Maruxa a deixar de ser bruxa para converterse en contiñeira mentres narra as súas aventuras mesturadas con contos da literatura galega e cancións populares. Entrada libre.  

 Tamén con entrada libre será a última sesión do ciclo o venres 25 de outubro ás 18.00 horas con ‘Dada a trasna’, un repertorio de contos cheos de maxia nos que se traballarán valores fundamentais como a igualdade, o respecto polo medio ambiente e o traballo en equipo. 

 Todas as actividades son de balde e están enmarcadas na iniciativa ‘Ler conta moito’, un programa de dinamización da lectura que busca achegar á veciñanza ao pracer de ler e á información dun xeito lúdico e atractivo a través dos centros que pertencen á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario