13 de set. de 2024

CULTURA

O MUMI conecta as industrias musicais de Galicia e Portugal co apoio da Xunta 

Máis de 250 axentes do sector participan esta fin de semana nos faladoiros, concertos e roldas de negocio onde se activarán as contratacións musicais da próxima temporada 

O director das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto de benvida da quinta edición deste encontro profesional de música 


O V Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal, MUMI, arrancou esta mañá
Foto: X.G.

Infogauda / Valença do Minho 

 O V Encontro Profesional de Música Galiza-Portugal, MUMI, arrancou esta mañá as actividades profesionais da súa nova edición, que se desenvolverá ata o próximo domingo na Eurocidade Tui-Valença cun programa de roldas de negocios, faladoiros e escaparates durante toda a fin de semana no que van participar máis de 250 profesionais co obxectivo activar as contratacións musicais de cara aos próximos meses. 

 A feira abriu xa onte a súa actividade cun serán tradicional celebrado nas rúas de Tui para recoñecer e darlle visibilidade ao gran momento que está a vivir a música galega de raíz. Así o sinalou esta mañá o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, durante a benvida celebrada na Zona PRO da feira instalada na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença, na que participou canda representantes doutras entidades galegas e portuguesas e a equipa da organización. O acto contou coa estrea de Traspielas, o novo proxecto de Su Garrido Pombo en formato banda, no que recupera a tradición oral da familia e veciñas da súa aldea. 

 Sutil puxo en valor o papel do MUMI como escaparate onde cada temporada poidan presentarse as novas propostas da industria musical galega, que goza neste momento cunha excelente situación no mercado estatal. O director de Industrias Culturais destacou tamén a importancia estratéxica deste encontro para o sector musical galego, “que ten en Portugal un territorio natural para internacionalizar as nosas músicas coa facilidade que supón a proximidade lingüística, cultural e xeográfica, que nos axuda a tecer sinerxías e que pode facer moito máis fortes e produtivas as industrias musicais de ambos países”. 

Alianzas estratéxicas para o sector musical galego 

 O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén celebrou a continuidade do acordo de colaboración iniciado na pasada edición coa Fira Mediterrània de Manresa, un dos mercados de referencia para as músicas que utilizan a raíz, a tradición e a cultura popular como motor creativo. Grazas a este intercambio, o MUMI presentará o sábado o traballo da banda catalá El Pony Pisador, co directo do seu novo álbum Ocells. 

 A súa vez, a Fira recibirá na súa próxima edición, en outubro, a proposta galega de Mondra, escollida entre as participantes na anterior edición do MUMI dentro da alianza entre os dous eventos. Ademais de Mondra e fóra do marco do MUMI, a Manresa 2024 acudirán tamén co patrocinio da Xunta Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre e Nova Galega de Danza. 

Impulso ao talento emerxente 

 Jacobo Sutil remarcou tamén as sinerxías tecidas entre o MUMI e o programa de aceleración de proxectos musicais Sonemerxente, promovido pola Xunta e desenvoolvido pola Fundación Paideia, que nesta edición levará á feira a French Riviera, Eris Mackenzie, Javier Lago, Abril, Candela Liste, Verter GZ, Filloas e Amoebo. Estes proxectos beneficiarios de Sonemerxente participarán nas actividades do venres e o sábado como parte da súa formación, aprendendo as dinámicas de funcionamento dun mercado musical. Manterán reunións con axencias de management e booking e con programadores públicos e privados, e asistirán aos faladoiros e escaparates. 

 No programa de actuacións, Galicia presentará os directos de Alana, Amoebo, Os D’Abaixo, Quico Comesaña, Ruxe Ruxe e Su Garrido Pombo; mentres Portugal achegará as propostas de Cardo-Roxo, Jhon Douglas, Miss Universo, Rogério Cardoso e Surma. En paralelo, o programa de actividades funcionará como un punto de encontro de profesionais e empresas das industrias musicais das dúas beiras do Miño. Haberá oportunidade de intercambiar experiencias e coñecer tendencias do sector nos faladoiros programados hoxe e mañá arredor de temas como a produción de ciclos musicais, as claves para a creación de públicos e programacións estables máis alá dos macro-festivais, as dinámicas e dificultades coas que traballan as salas de concertos, a forma de comunicar cultura e unha palestra sobre management musical para falar do acompañamento de carreiras artísticas e a incorporación de artistas emerxentes. 

Estrea do primeiro documental arredor da zanfona 

 Ademais, o encontro acollerá mañá no Teatro Municipal de Tui a estrea de Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición, producido polo Consello da Cultura Galega. Trátase do primeiro documental realizado arredor deste instrumento, onde se analiza o seu papel simbólico nos movementos renovadores da música galega durante a década dos setenta. O luthier e mestre artesán Antón Corral, Premio honorífico Martín Códax 2016, participará na presentación xunto ao director Ramon Pinheiro, de aCentral Folque, e Cristina Domínguez, en representación do Consello da Cultura Galega. 

 O MUMI pechará o seu programa o domingo ao mediodía nas rúas da fortaleza de Valença co espectáculo para público familiar Guarda-Pedais, que sairá da praza da República coa súa enxeñosa bicicleta a remos feita cunha mestura insólita de aparellos cos que consegue xerar momentos de xogo e creatividade musical.

Ningún comentario:

Publicar un comentario