24 de set. de 2024

A LAMA

Actos polo Día da Mercé  

Abel Losada celebra a patroa de IIPP destacando o exemplo da Lama, un centro á vangarda en políticas de reinserción social  

O subdelegado do Goberno participa nun acto no que foron homenaxeados 9 funcionarios e funcionarias e 5 institucións colaboradoras 

A directora, Teresa Delgado, destacou algún dos programas implementados no Centro Penal, como o dirixido a internos con delitos económicos, ou o de prevención da radicalización yihadista 


No acto institucional entregáronse as distincións de Institucións Penais (IIPP) a nove funcionarios e funcionarias as do centro e tamén ás entidades e persoas colaboradoras
Fotos: S. de G.

Infogauda / A Lama

 A prisión da Lama celebrou a patroa de Institucións Penais coa presenza do subdelegado do Goberno, Abel Losada, por primeira vez á fronte do acto e unha nutrida representación dos representantes da Administración estatal, autonómica e local. Losada agradeceu a dedicación do equipo directivo, encabezado pola directora, Teresa Delgado, e a profesionalidade dos máis de 500 funcionarios/as. 

 O subdelegado puxo a este centro penal como exemplo “á vangarda das políticas de reinserción social” como demostran os continuos recoñecementos aos seus programas pioneiros para a reeducación de quen cumpre pena privativa de liberdade. Durante a súa intervención insistiu en que España é un país de referencia en lexislación penal avanzada e en adhesión a todos os tratados internacionais sobre dereitos humanos e medidas privativas de liberdade. “Non é casualidade que una das primeiras leis orgánicas aprobadas pola nova democracia española, en 1979, fose a Lei Xeral Penal, e vén moi ao caso lembrar aquí que 50 anos despois presenta moi poucas “engurras” polo paso deste tempo”. 

 Subliñou que dispoñer de magníficos centros penais serviría de pouco sen magníficos profesionais e así destacou que os 920 reclusos da Lama e as 90 persoas en réxime de semilibertad do Centro de Inserción Social de Vigo “están en boas mans”.  Tivo tamén un recoñecemento expreso para os cinco directores que pasaron pola Lama desde a súa estrea “hai xa 27 anos para solucionar o problema xurdido tras o peche das antigas prisións de Pontevedra e Vigo”. 

 No acto institucional entregáronse as distincións de Institucións Penais (IIPP) a nove funcionarios e funcionarias as do centro e tamén ás entidades e persoas colaboradoras que nesta ocasión foron a Asociación Española de Mediación, a Fundación Barrié de la Maza, a capitá da Garda Civil, Ana Pérez, e a xefa de Igualdade da Deputación de Ponteevdra, Lucía Muradas. 

 Teresa Delgado afirmou que o día da patroa é un punto e seguido “para non esquecernos da importancia do noso labor e do orgullo que debemos sentir por percorrer ese camiño dificultoso e sen focos”. Afirmou que os tratamentos penais son a vía para axudar á poboación recluída a detectar as súas carencias sociais e superalas, alcanzando a autonomía persoal. Citou algúns programas que se desenvolven no Centro, como o de Réxime Pechado, que foi seleccionado para protagonizar un dos capítulos dos documentais que realiza o Ministerio do Interior para contar desde dentro o traballo das distintas unidades que garanten a seguridade e os dereitos dos cidadáns. Ademais, falou do papel pioneiro que tivo o Centro da Lama na implementación do programa para previr a radicalización yihadista, da celebración do primeiro taller intercultural, da posta en marcha do programa PIDECO para internos con delitos económicos e da marcha do centro público de Educación e Promoción de Adultos Nelson Mandela, premiado polo Ministerio de Educación. 

 Con todo, a directora mostrouse especialmente orgullosa dos premios outorgados, por segundo ano consecutivo, por parte da Secretaría Xeral de IIPP a dúas funcionarias que foron máis aló do seu quefacer ordinario no centro, unha ao implicarse nos proxectos internaciones da institución penal e a outra por ser profesional de referencia no ámbito científico e clínico tanto na intervención como no deseño de programas. Teresa Delgado tamén felicitou aos 9 funcionarios e funcionarias recoñecidos no día da patroa polos seus 25 anos de servizo e, especialmente, a un funcionario que alcanzou os 35 anos de traxectoria e recibiu, por tanto, a medalla de bronce ao mérito penal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario