24 de xul. de 2024

VIGO

Ana Ortiz destaca o compromiso da Xunta co festival Iacobus Maris Experience para “converter a Vigo en parada dos grandes veleiros” 

A delegada da Xunta, Ana Ortiz, presentou o evento que se celebra no peirao de Trasatlánticos do 24 ao 28 de xullo


A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este mércores a terceira edición do festival Iacobus Maris Experience
Foto: X.G.

Infogauda / Vigo

 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este mércores a terceira edición do festival Iacobus Maris Experience, que converte a Vigo durante cinco días, do 24 ao 28 de xullo, nunha grande festa marítima. Nun acto celebrado no peirao de Portocultura, a representante autonómica destacou o compromiso do Goberno galego cun evento que “converte á cidade en parada dos grandes veleiros”. 

 Un ano máis e tras a grande acollida en 2022 e 2023 do festival de grandes veleiros, a Fundación Traslatio, con patrocinio de Turismo de Galicia e a colaboración da Autoridade Portuaria de Vigo, organiza este ano con numerosas actividades e talleres, acompañado por un espazo gastronómico de cociña do mar e música en directo para todos os públicos e familias. 

 A delegada territorital apuntou que os grandes veleiros tamén traen peregrinos a Vigo. “Como xa sabedes, e ademais é fácil comprobar cada día, a afluencia de peregrinos disparouse neste ano 2024 (máis de 38.000 camiñantes a estas alturas) e xa se bateron todos os récords. As cifras dannos a razón e avalan o apoio da Xunta ás iniciativas para promover o espírito xacobeo”, sinalou. 

 Ademais, volveu recalcar o apoio decidido da Xunta para que Vigo sexa sede de eventos marítimos de gran relevancia: “Por iso hoxe referendamos o noso compromiso, e xa sabedes que contades coa Xunta na vosa proxección, porque a través deste roteiro marítimo a imaxe de Vigo e Galicia seguirá dando a volta ao mundo”.

“Capitán Miranda”, “Evangelina”, “Vera Cruz”,... 

 Así, participará no festival, o “Capitán Miranda”, buque escola de Uruguay que serviu orixinalmente como barco hidrográfico para investigación oceanográfica e eleboración de cartas mariñas. Tamén a goleta galega “Evangelina” ou a carabela portuguesa “Vera Cruz” participarán no festival, que contará tamén con barcos da Asociación de Mariñeiros Traidicionais de Bouzas. 

Visor Nautilus e buque “Hidria Segundo” 

 Outro dos atractivos do evento serán as visitas ao visor submarino Nautilus, o observatorio baixo o mar onde pode observarse o avance do crecemento da flora e fauna mediante un proxecto ecolóxico no marco da estratexia crecemento azul. Tamén se poderá visitar o barco de vapor “Hidria Segundo”, único en toda España, e que ofrece desde un percorrido guiado polo barco ata talleres para grandes e pequenos onde a diversión está asegurada.

“Sons do Porto” 

 Outro aspecto importante será a música en directo con “Sons do Porto”, concertos con grupos locais. Tampouco faltará a comida no espazo gastronómico, desde o máis tradicional ata a nova cociña galega ou os obradoiros e programas radiofónicos de música.

Ningún comentario:

Publicar un comentario