23 de xul. de 2024

A GUARDA

O LIBRO-PROGRAMA DAS FESTAS DO MONTE SANTA TREGA, 2024 XA ESTÁ Á VENDA


Portada do libro-programa das Festas do Monte Santa Trega, 2024
Foto: Infogauda

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Editado pola Asociación Comisión de Festas 2024; dirixido e coordinado por Celso R. Fariñas; maquetado e impreso en Artes Gráficas Jadfel, vén de ser publicado o libro-programa das Festas do Monte Santa Tegra 2024, en cuxa maquetación colaboraron Miguel Reboredo e José Ángel Gandara.

 A publicación - decana das que desas características se publican na nosa contorna, e a súa vez, unha das máis antigas de Galicia -, leva nas súa portada dúas fotografías antigas - unha delas é unha vista do poboado castrexo - sector Calvo - do Monte Santa Trega, e a outra, unha vista desde as inmediacions do Pico de san Francisco, onde se aprecia un importante grupo de persoas nun día de romaría, das primeiras que se celebraron en tan fermoso enclave.

 Asemade, as primeiras páxinas acollen os correspondentes saúdos do alcalde e do concelleiro de Turismo do Concello de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero e Fernando Reyes González, respectivamente

 E como vén sendo habitual, o libro-programa conta con interesantes artigos literarios dos seguintes colaboradores: Carlos Javier Álvarez Fernández. Chuny Vázquez, Álvaro Cunqueiro, Fernando Martínez Vicente, Emilio Alonso Freiría, Miguel Reboredo Otero, Joaquín Villa Álvarez, Miguel Ángel Sobrino Blanco, Víctor, José Magoal, José Ángel Gándara Rodríguez, Joaquín Cadilla "Balueiro", Perálvez, Gloria Martín, Xosé Vilar, Faustino Rey Romero, Miriam Sempere Agulló, Carlos Martínez Troncoso, Purificación Álvarez Álvarez, Francisco de Paula Mellado, Ricardo Rodríguez Vicente, Xoán R. Carnero Fernández (Perico), e José María Álvarez Blázquez.

 A variedade do seu contido, e súa coidada edición, fai desta publicación todo un referente cultural, agardado por moitas persoas, tanto residentes no concello de A Guarda e súa contorna, como tamén daqueles lectores que por diversas circunstancias atópanse fora de Galicia.

 Deportes, efemérides, etnografía, fotografías, historia, lembranzas, patrimonio, poesía, prosa, relatos,..., son algunhas das temáticas que se reflicten nesta interesante publicación - de 240 páxinas -, que ademais de conter a programación completa das actividades deportivas, festivas, gastronómicas e de lecer, das Festas do Monte Santa Trega, 2024, conta cun índice comercial de indubidable interese xeral, que recolle, por orde alfabética, unha ampla relación de empresas e establecementos de todos os sectores económicos de A Guarda e mesmo da súa contorna.

 En definitiva, o libro-programa das Festas do Monte Santa Trega, 2024 é, unha vez máis, unha obra colectiva e a súa vez unha fonte de información - para os tempos actuais e para súa consulta no futuro-, que xa está nos puntos de venda habituais a disposición de todas as persoas que desexen adquirilo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario