O Concello de Tui fai un chamamento ao civismo e á responsabilidade
Ante os actos vandálicos que se están a rexistrar no CEIP nº 2
As instalacións escolares contan cun recinto pechado polo que o acceso ás mesmas sin autorización saltando o valado pode ser constitutivo de delito
Infogauda / Tui
O Concello de Tui fai un chamamento ao civismo e á responsabilidade ante os actos vandálicos que nas últimas semanas se están rexistrando nas instalacións do CEIP nº 2 de Tui.
A diario se están rexistrando desperfectos no recinto escolar con pintadas, rotura de papeleiras e das redes do campo de fútbol, ao que se suman os numerosos restos de cabichas, papeis, e envases que aparecen no lugar, xunto a ouriños nas paredes.
Dende o Concello de Tui laméntase este tipo de actitudes incívicas, que poden ser constitutivas de delito xa que o recinto escolar está pechado, polo que as persoas que causan estes estragos teñen que saltar o valo. Aínda que dende que se tivo constancia deste feitos a Policía Local incrementou as roldas que realiza polas inmediacións e polo propio centro polo momento non foi posible dar coas persoas autoras destas accións.
Nestas instalacións do CEIP nº 2 dende comezos de xullo estase a celebrar un dos Campamentos de Verán municipais, polo que cada mediodía o servizo de limpeza procede á limpeza das instalacións, para que estean en perfecto estado para o día seguinte.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, explica que dende o Concello de Tui estase a facer todo o posible para tratar de evitar que se produzan estes actos vandálicos, coa presenza varias veces ao día de axentes da Policía Local, e reforzando a limpeza para que os nenos e nenas que cada mañá acoden ao Campamento poidan realizar as actividades nunhas instalacións axeitadas. Sonsoles Vicente reitera o chamamento ao civismo respectando estas instalacións públicas. Agarda que este tipo de feitos non se volvan producir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario