31 de xul. de 2024

TUI

O Concello de Tui iniciou as obras de rehabilitación de cinco vivendas en Caldelas para destinalas a alugueiro social

Un dos inmobles será adaptado. O investimento supera os 425.000 euros. 


Coa actuación que se está realizando agora, adecuaranse as vivendas que estaban baleiras

Fotos:C.T.

Infogauda / Tui

 O Concello de Tui vén de comezar as obras de rehabilitación de cinco vivendas municipais situadas no antigo cuartel de Caldelas co obxectivo de dedicalas a alugueiro social.  

 O edificio fóra construído nos anos 70 para albergar o cuartel da Garda Civil nesta parroquia tudense. Tras quedar en desuso o Concello de Tui no ano 2007 realizou unha intervención no inmoble para convertelo nun conxunto residencial. Coa actuación que se está realizando agora, adecuaranse as vivendas que estaban baleiras. En concreto, vaise proceder ao cambio da carpintería interior e exterior, así como á renovación das instalacións de fontanaría, saneamento, calefacción, de electricidade e de telecomunicacións. As cociñas serán equipadas con novo mobiliario e electrodomésticos e nos baños substituiranse os sanitarios, colocarase un moble de lavabo e unha mampara de ducha. 

 Unha das vivendas será adaptada polo que para cumprir as condicións de accesibilidade, eliminarase a actual porta de acceso ao garaxe e ao trasteiro, abrindo unha nova ventá que proporcionará luz ao trasteiro, e abrirase unha nova porta de acceso ao garaxe na fachada oeste ao tempo que se modificará a rampa de acceso á vivenda e a súa varanda. O interior será redistribuído e elevarase o forxado do chan para igualalo co resto da vivenda e coa do garaxe, onde tamén se subirá a cota interior. As vivendas contarán con sistema de aerotermia e a iluminación realizarase con luces led, o que redundará xunto ao illamento, na súa mellora enerxética.  

 O investimento previsto nesta actuación é de 425.743,84€ dos que 250.000 € son aportados polo Instituto Galego de Vivenda (IGVS), e o importe restante polo Concello de Tui con fondos propios. O prazo de execución de 4 meses. Unha vez rematadas as obras, estas cinco vivendas destinaranse a alugueiro social.

Ningún comentario:

Publicar un comentario