19 de xul. de 2024

TUI

Abel Losada destaca a reforma do mercado municipal de Tui como “exemplo perfecto” do aproveitamento dos fondos europeos     

 O Concello recibiu unha subvención de 1,3 millóns de euros do Ministerio de Industria e Turismo  

 O espazo entrará en completo funcionamento o próximo mes  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou as obras de reforma da antiga praza de abastos de Tui, acompañado polo alcalde Enrique Cabaleiro; e a 1ª tenente de alcalde Ana Mª Núñez
Foto: S. de G.

Infogauda / Tui 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou as obras de reforma da antiga praza de abastos de Tui, que puxo como “perfecto exemplo das boas prácticas de aproveitamento dos fondos europeos”. O subdelegado destacou que “a espectacular reforma deste mercado municipal vai máis alá da súa modernización, xa que supón apoiar e dinamizar o comercio local e de proximidade, atraer novos públicos e xerar valor engadido e novos usos, como o turístico, a este tipo de espazos”.  

 O mercado municipal de Tui, situado na rúa Maristas, vén de ser obxecto dunha reforma integral coa finalidade de mellorar tanto as súas instalacións coma a experiencia de compra dos seus públicos, de cara a lograr o recoñecemento coma Mercado Excelente. A intervención foi financiada cunha axuda de 1,3 millóns de euros do Ministerio de Industria e Turismo ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.  

 Abel Losada salientou “o resultado estético acadado, de primeirísimo nivel, que adapta o espazo ás actuais demandas sociais e probablemente o converten nunha das prazas de abastos máis modernas de Galicia, senón de España”. E engadiu que “quen queira reformar unha praza de abastos tería que visitar e aprender desta praza, seguindo o exemplo do seu alcalde, Enrique Cabaleiro”.  

 Parte do novo espazo, onde se sitúan os postos de carne e peixe, xa abriu o público esta semana. Non obstante, o novo mercado non entrará en completo funcionamento ata o próximo mes.  

 Así mesmo, e máis aló da actuación concreta no edificio do mercado municipal, o proxecto financiado polo Goberno de España contempla a dixitalización do comercio local con campañas de marketing en soportes dixitais, o desenvolvemento dunha aplicación que facilite información sobre o comercio de Tui de xeito integral, a creación dun mercado, ou a análise das tendencias de compra e da competencia do comercio tudense.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario