19 de xul. de 2024

OIA

Mougás xa conta cun renovado parque infantil no Eirado   

Foi financiado a través dunha subvención do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra de 45.044 euros


Entre outros equipamentos colocáronse bambáns, tobogáns, torres de xogos con escalada, instalacións xiratorias e de resorte
Foto: C.O.

Infogauda / Oia 

 A parroquia de Mougás xa conta cun renovado parque de xogos para nenos e nenas de distintas idades, unha vez rematadas as obras postas en marcha polo Concello de Oia co obxectivo de manter en bo estado de uso o recinto de lecer infantil situado no Eirado.  

 A actuación consistiu na desmontaxe dos xogos actuais, xa deteriorados, para poder colocar un novo pavimento con capacidade de absorción de impactos, novos xogos así como unha valla de delimitación do parque infantil. Esta renovación de equipamento e chan foi feita cumprindo os requirimentos de patrimonio, entre os que se solicitaba que a cor do pavimento fose gris.  

 Entre outros equipamentos colocáronse bambáns, tobogáns, torres de xogos con escalada, instalacións xiratorias e de resorte. Ademais, aproveitouse a intervención para gañar algo máis de espazo na superficie dedicada ao lecer infantil.  

 Estes traballos enmárcanse nas distintas actuacións municipais que, ao longo dos últimos anos, se están desenvolver co obxectivo de manter en bo estado os parques existentes nas parroquias. Neste caso, a renovación do equipamento infantil de Mougás foi financiado a través dunha subvención do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra de 45.044 euros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario