22 de xul. de 2024

DEPORTES

Tui sede do Campionato de España e Copa Ibérica de embarcacións T-850 e G6

Este sábado, once pilotos españois e portugueses daranse cita nesta espectacular competición 


Hoxe tivo lugar a presentación deste campionato coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a deputada de turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides; o segundo da Comandancia Naval do Miño, Carlos López; e por parte da Real Federación Galega de Motonáutica, Carlos Estévez
Foto: C.T.

Infogauda / Tui

 O río Miño ao seu paso por Tui será este sábado, 27 de xullo, o escenario do Campionato de España e Copa Ibérica de embarcacións T-850 e G6. A proba está organizada pola Real Federación Galega de Motonáutica, en colaboración co Concello de Tui; coa Real Federación Española de Motonáutica; coa Comandancia Naval do Miño; e Protección Civil de Tui e Tomiño    

 Esta mañá na rúa Olímpicos tudense tivo lugar a presentación deste campionato coa participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a deputada de turismo da Deputación de Pontevedra, Nava Castro; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides; o segundo da Comandancia Naval do Miño, Carlos López; e por parte da Real Federación Galega de Motonáutica, Carlos Estévez.  

 Na presentación destacouse o río Miño como un marco espectacular para realizar esta proba que reunirá a pilotos de alto nivel, nun evento deportivo que conta tamén cun gran atractivo turístico.  

 Así Carlos Estévez, da federación galega, salientou que serán once os pilotos españois e portugueses que competirán o sábado polo título. Carlos López da Comandancia Naval do Miño, amosou a disposición que sempre teñen para colaborar nos eventos que se celebran en Tui.  Daniel Benavidades, xefe territorial de Deportes, destacou coma a motonáutica volve ser o centro de atención a nivel estatal, destacando a oportunidade que é poder realizar esta fin de semana en Tui este campionato ibérico. Nava Castro, deputada de Turismo, fixo fincapé no atractivo desta proba xa que por unha banda contará cun alto nivel deportivo e por outra celebrarase nunha paraxe entre dous países. Un atractivo turístico ao que se suman o río, o conxunto histórico, o Camiño Portugués, que dicía, fan que Tui o teña todo para que as persoas desfruten.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou a idoneidade do río Miño ao seu paso por Tui para a celebración deste campionato. Unha proba que dicía pon a Tui no mundo da motonáutica e das competicións náuticas, que serven, dicía, de escaparate da cidade. 

 Como antes indicamos, once pilotos españois e portugueses daranse cita nesta competición. Tras a apertura de boxes, as verificacións e a reunión de pilotos ás  10.30 h comezarán os adestramentos libres. Disputaranse un total de catro mangas, ás 14 h a primeira; ás 16 h a segunda; ás 18 h a terceir; e ás 20 h a cuarta. A entrega de premios está prevista para as 20.30 h. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario