7 de xuño de 2024

RANDUFE (TUI)

Festival Benéfico Fogares Sanxe 

Sábado 15 de xuño, a partir das 19.00 horas, na sede da Asociación Cultural e Deportiva “XUNTANZA” 




Miguel Ángel Martínez González * / Randufe (Tui)

 Que é Fogares Sanxe? 

 Un proxecto innovador que busca crear unha contorna tranquila e independente para as persoas con discapacidade funcional da comarca do Baixo Miño. Ademais de outorgar ás súas familias o servizo de conciliación, impulsar o desenvolvemento da economía do concello e revalorizar o patrimonio urbanístico. 

 A Asociación San Xerome Emiliani, de A Guarda pretende crear 30 vivendas destinadas á emancipación de 60 persoas con discapacidade funcional no antigo colexio das Carmelitas. O edificio, situado en pleno centro da cidade de A Guarda, contará con todos os servizos necesarios e apoios profesionais para que os usuarios da comarca do Baixo Miño (A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui) establezan unha nova vida independente e segura. 

 Dende a nosa asociación sentímonos orgullosos de poder aportar o noso gran de area para que este proxecto se leve a cabo, e contamos contigo. 

 Anímate a participar e desfrutar de tódalas actuacións que van a estar de maneira desinteresada neste festival: XeRock Percusión, Playback Xuntanza, membros da Escola Coral Ponte das Febres, A Sentinela, Grupo Toke de Queda e Grupo Pikan Tones. 

 Chouripán e bebidas a prezos populares. 

 Entrada 3€ persoa. 

 Fila cero IBAN:ES13-2100-4046-1422-0022-8292. 

 Concepto: o teu nome, apelidos e DNI. 

 Bizum: Doa co código 06424 

Andaina Toponimia 

Domingo día 16 de xuño ás 10.00 da mañá na nosa Casa Cultural 

 O ano pasado Xuntanza solicitou á Real Academia Galega que incluíse ó concello de Tui como beneficiario da charla “Topominízate” dentro do proxecto “Galicia Nomeada”. O 26 de outubro de 2023 veu á nosa Casa Cultural o académico Vicente Feijóo Ares a impartir a conferencia sobre microtoponimia. Sabemos que hai veciños que xa fixeron un labor de recollida, polo que, aproveitando o bo tempo, cremos que xa é hora de rexistrar dita información para que este gran patrimonio cultural non se perda. 

 O que pretendemos, o vindeiro domingo 16, e ter unha primeira toma de contacto e sentar un precedente para ir percorrendo distintas zonas da parroquia. Imos empregar a aplicación do móbil “Galicia Nomeada”, que un membro da directiva ten descargada, para rexistrar  os microtopónimos así como a súa localización exacta.

* Presidente da Asociación Cultural e Deportiva “XUNTANZA” 

Ningún comentario:

Publicar un comentario