6 de xuño de 2024

O ROSAL

O Rosal vai acoller o XVI Encontro Galaico-Portugués de Asociacións de Espondilite  

A Asociación Viguesa de Espondilíticos de Pontevedra organiza en colaboración co Concello unha xornada de intercambio e formación sobre a espondilite anquilosante  




Infogauda / O Rosal

 O auditorio municipal do Rosal será o escenario do XVI Encontro Galaico-Portugués de Asociacións de Espondilite, un encontro organizado pola Asociación Viguesa de Espondilíticos de Pontevedra (AVIDEPO) en colaboración co Concello e que contará coa asistencia dunha ampla representación da Associação Nacional da Espondilite Anquilosante (ANEA) de Portugal.  

 A xornada dará comezo este sábado 8 de xuño, ás 10.30 horas coa actuación da Banda de Música da Agrupación Musical do Rosal, que dará paso a tres relatorios médicos a cargo de destacados e destacadas especialistas en espondilite anquilosante. A reumatóloga Anita Cunha, o reumatólogo Norberto Gómez e o ortopedista Luís Fabião ofrecerán interesantes intervencións sobre esta enfermidade reumática inflamatoria e crónica que afecta principalmente ás articulacións da columna vertebral, que tenden a soldarse provocando unha limitación significativa de mobilidade.   



 O encontro busca proporcionar un espazo de aprendizaxe e intercambio de experiencias para todas as persoas afectadas por esta enfermidade, así como promover a cooperación entre as asociacións galegas e portuguesas dedicadas ao apoio das e dos doentes de espondilite.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario