6 de xuño de 2024

O ROSAL

Cultivando coidados, un espazo para coidar ás coidadoras no Rosal  

Remata un programa impulsado polo Concello para fomentar o autocoidado nun espazo de aprendizaxe e apoio  


Durante tres meses, o mercado de San Miguel de Tabagón converteuse no escenario deste obradoiro posto en marcha polo Concello do Rosal

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  

 Cultivando Coidados baixa o pano da súa primeira edición con moitas aprendizaxes e amizades xeradas que seguirán florecendo. Durante tres meses, o mercado de San Miguel de Tabagón converteuse no escenario deste obradoiro posto en marcha polo Concello do Rosal a través do que 15 mulleres maiores de 55 anos coidadoras de persoas dependentes traballaron de forma individual e en equipo nos autocoidados, un aspecto da vida cotiá moitas veces esquecido. 

 “Entendemos a dedicación e o esforzo que implica coidar a outras persoas, por este motivo quixemos crear un espazo para fomentar o autocoidado. Ás veces é preciso priorizarse e poñerse no centro, pero non sempre se conta cos recursos axeitados para poder facelo dunha forma consciente e respectuosa con nós e coas persoas que nos rodean”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 A través deste programa, as mulleres recibiron ferramentas e técnicas para mellorar que as participantes poidan atender ao seu benestar  físico, emocional e mental dunha forma vivencial e tamén divertida, ofrecendo un tempo e un espazo dedicado exclusivamente a elas como punto de partida. E, como explica a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, “atoparse con outras mulleres que están nunha situación similar é un caldo de cultivo ideal para que prolifere unha rede de apoio e un espazo seguro”. 

 Este obradoiro reafirma o compromiso do Concello do Rosal co benestar das persoas coidadoras, recoñecendo o seu labor esencial nunha sociedade cada vez máis avellentada. O grande éxito de Cultivando coidados establece un precedente para futuras iniciativas centradas no benestar das persoas que desempeñan o papel fundamental de coidadoras. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario