6 de xuño de 2024

OIA

Mougás vai celebrar o seu tradicional curro este domingo  


O segundo domingo do mes de xuño celebrarase o curro de Mougás
Foto: C.O.

Infogauda / Oia

 Como vén sendo tradicional, o segundo domingo do mes de xuño celebrarase o curro de Mougás, que na edición deste ano prevé reunir un total de 400 bestas e arredor dun centenar de poldros. Despois das rapas da Valga e Torroña, esta é a terceira e última cita de primavera no concello de Oia.   

 A partir das 9.00 horas deste domingo comezarase a xuntar os cabalos para conducilos ata o recinto do curro de Mougás, a onde chegarán sobre as 12.00. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, desenvolveranse as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.  

 A xornada, gratuíta para o público asistente, transcorrerá no seu tradicional ambiente festivo, tal e como vén sendo habitual todos os anos. Para chegar ao curro, recoméndase como opción máis sinxela e accesible en coche a estrada EP-2202 que une Baiona e O Rosal (o desvío ao curro de Mougás atópase sinalizado a aproximadamente 6,5km de Baiona).  

 Despois dos curros da Valga (segundo domingo de maio), Torroña (primeiro domingo de xuño) e Mougás (segundo domingo de xuño), as citas cabalares volverán a Oia en pleno verán, cos coñecidos como “curros das moscas”.  

 En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que non está permitido acampar. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non autorizadas.  

 Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arboredo e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario