O Rosal máis turístico a través dos ollos dos nenos e nenas
Alumnado de 5ºA de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier presentou o seu folleto turístico infantil, un proxecto conxunto para poñer en valor os espazos máis relevantes do municipio para eles e elas
O Concello levará esta iniciativa ao Grupo de Participación Infantil e Xuvenil para convertelo en realidade
Infogauda / O Rosal
O Rosal amosa o seu lado máis turístico visto a través da ollada da cativada. Alumnado de 5º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier visitou estes días o Concello para presentar o seu particular folleto turístico, ‘O Rosal, un lugar especial’, un proxecto conxunto deseñado por todos os nenos e nenas para poñer en valor os espazos que a eles e elas lles parecen máis relevantes e de maior interese.
A iniciativa comezou coa realización de diferentes folletos individuais nos que cada rapaz e rapaza explicaban o sitio do Rosal que máis lle gustaba e os motivos da súa elección. Un punto de partida do que xa puideron extraer as primeiras conclusións: a maioría dos nenos e nenas elixiron como lugar de desfrute a Praza do Calvario.
O alumnado recalcou a importancia da Praza do Calvario como lugar “onde se comparten moitos momentos”, un espazo deseñado “para que habitantes e visitantes pasen o tempo ou para que os nenos e nenas xoguen” e, sobre todo, un lugar perfecto para atopar novos amigos, xogar en tranquilidade, ver monumentos importantes ou desfrutar cada día das amizades e do tempo en compañía.
Con todo este traballo, a rapazada decidiu unirse para crear un folleto turístico infantil sobre este recuncho tan significativo, destacando a súa importancia para o municipio e a comunidade. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que recibiu a rapazada no Concello, destacou a importancia desta iniciativa. “É emocionante ver como nenos e nenas valoran e promoven os espazos do noso concello. A Praza do Calvario é un punto de encontro e diversión, pero tamén cheo de historia e cultura. Este proxecto non só pon en valor o noso patrimonio, senón que tamén pon de relevo a importancia da recuperación de espazos públicos para as persoas e fomenta a participación cidadá dende a infancia”.
O Concello levará esta iniciativa ao Grupo de Participación Infantil e Xuvenil co obxectivo de materializar o folleto turístico infantil nunha realidade. O obxectivo será xuntar todos os textos e ilustracións realizados polo alumnado para crear un folleto único que se poida repartir na oficina de turismo do Rosal e mesmo noutros municipios veciños de Galicia e Portugal.
A alcaldesa agradece a implicación do equipo docente e de todo o alumnado, que con esta iniciativa está a contribuír dun xeito activo á promoción turística do Concello, demostrando que a colaboración, a participación activa e a creatividade non teñen idade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario