O rueiro do Rosal terá nome de muller
Alumnado de 4º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier presentou un estudo sobre o mapa de rúas e propostas para incorporar os nomes de rosaleiras importantes
O Concello levará esta iniciativa ao Grupo de Participación Infantil e Xuvenil
O alumnado de 4º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier visitou o Concello cunha importante proposta baixo o brazo: que a igualdade chegue ao mapa de rúas do municipio
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
No Rosal, as mulleres tomarán as rúas… e o rueiro. O alumnado de 4º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier visitou o Concello cunha importante proposta baixo o brazo: que a igualdade chegue ao mapa de rúas do municipio. Tras facer o ano pasado un estudo sobre as rúas e edificios do Rosal, a rapazada detectou que sempre se usaban nomes masculinos, agás no caso de María Zambrano. Por iso, neste curso decidiron poñer en marcha unha iniciativa para visibilizar o importante papel das mulleres rosaleiras ao longo da historia e poñer no mapa novos referentes femininos.
Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “é moi importante recoñecer o labor de todas aquelas mulleres dos barrios que coas súas accións dende o anonimato deron pasos cara á igualdade e cara ao avance social. E por suposto é un orgullo ver como as novas xeracións retoman ese testemuño e son capaces de levar a cabo un traballo de investigación extraordinario para conseguilo”.
Este proxecto, que contou coa implicación activa do equipo docente e dos propios alumnos e alumnas, ten como obxectivo equilibrar a balanza da representación histórica nos espazos públicos do Rosal. O Concello levará esta iniciativa ao Grupo de Participación Infantil e Xuvenil para estudar as propostas realizadas e ver como transformar o traballo feito en nomes reais nas rúas do municipio.
Entre as mulleres propostas destacan figuras locais como María Concepción Fernández Delgado e María José Casares, mestras no CPI Manuel Suárez Marquier recordadas polo seu compromiso e dedicación; a profesora da escola unitaria de San Xoán de Tabagón Rocío García, que ensinaba a nenos e nenas das formas máis divertidas; ou Xulia Suárez Martínez, a matrona de Oia, defensora activa dos dereitos das mulleres durante o franquismo e acompañante de moitas nais rosaleiras no proceso de xestación e crianza dos seus fillos e fillas.
Non podían faltar entre as propostas para formar parte do rueiro rosaleiro os nomes de María Marcolina González Dorado (Marcola), unha das protagonistas do proxecto de patrimonio inmaterial do Concello ‘Memoria Viva’; Elda González, que realizou un importante labor social durante as épocas de maiores penurias económicas; á modista Domitila González, que ensinou a bordar a moitas mozas do Rosal; Rufina Domínguez, que loitou a favor da II República e escondeu na súa casa ao último alcalde republicano do Rosal ou Arminda Gómez Martínez, a primeira muller que en plena posguerra se atreveu a poñer pantalóns, revelándose contra o sistema establecido e polo que foi represaliada e estivo presa.
Como sinalou a alcaldesa, “este traballo é un exemplo de como a educación pode transformar a nosa sociedade. É un grande orgullo ver á mocidade do noso municipio traballando por un futuro máis xusto e igualitario”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario