12 de xuño de 2024

O ROSAL

O Rosal impulsa o acollemento familiar cunha charla informativa  

Concello e Acougo organizan un encontro o vindeiro 18 de xuño ás 18.00 horas no Centro Social Polivalente  




Infogauda / O Rosal  

 Todos os nenos e nenas necesitan unha familia ou dúas. Baixo esa premisa, o Concello e a Asociación Galega de Familias de Acollida, Acougo, organizan unha charla aberta a todo o público de difusión e información sobre o acollemento familiar. Trátase da primeira actividade posta en marcha por ambas entidades tras a sinatura do convenio de colaboración para promover programas de atención, formación e difusión en materia de protección de menores, así como medidas específicas para o acollemento familiar.  

 A charla será o vindeiro martes 18 de xuño ás 18.00 horas no Centro Social Polivalente, que se converterá en punto de encontro para informar e sensibilizar á veciñanza sobre a relevancia co acollemento familiar para garantir o benestar dos nenos e nenas que o precisa. “Seguimos dando pequenos pasos para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e traballando en programas que teñan un impacto real na vida da cativada máis vulnerable”, salientou a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez.  

 A entrada será de balde e haberá servizo de canguraxe para as persoas que o precisen. O servizo debe solicitarse previamente. As persoas interesadas deberán chamar aos teléfonos 986 625 000 ou 647 749 629, onde lles darán as indicacións para a solicitude do servizo de atención á cativada durante a charla.  

 A concelleira anima a todas as persoas interesadas a participar nesta iniciativa e a colaborar na creación dunha contorna máis seguira e acolledora para as e os menores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario