10 de xuño de 2024

DEPORTES

O TEIXUGO MANU OCHOA GAÑADOR DA 2ª COPA DO MUNDO DE CAIAC CROSS  


Manuel Ochoa - no centro do podio - vencedor da segunda Copa do Mundo de Slálom

Informa (fotografías e redacción): Rosa Fernández Carrera

 Do 7 ao 9 de xuño celebrouse na canle da augas bravas do río Moldava, en Praga, a segunda Copa do Mundo de Slálom. Manuel Ochoa, do Club Deportivo Miño-Teixugos, foi convocado coa selección nacional como integrante do equipo de caiac cross.  

 A competición desta nova e emocionante modalidade do slálom adquiriu gran importancia en Praga, pois estaban en xogo seis prazas para os xogos olímpicos de París. Os mellores especialistas do mundo de cross acudiron ao evento no intento de acadar unha delas para o seu país. 

 

Manuel Ochoa entrando vitorioso na liña de meta


 O caiac cross comeza sempre cunha contra reloxo, neste caso pasaban os 41 mellores dos oitenta participantes. O teixugo Manu Ochoa entrou con comodidade ao rematar undécimo na tarde do sábado. O domingo tiveron lugar os enfrontamentos, catro deportistas fan a vez o circuíto, os dous primeiros pasan a seguinte fase e os dous últimos quedan eliminados.  Ata catro enfrontamentos superou Ochoa para meterse nas finais. Nestes momentos xa  sabía que unha das prazas olímpicas era para España, pois na final metéranse dous franceses e so era posible unha praza por país. Na final enfrontouse os franceses Neveu e Madore e o xermano Roeller, dende o primeiro momento estivo en cabeza, gañando con  claridade aos tres.    

 Primeira medalla de ouro nunha Copa do Mundo para Manuel Ochoa en caiac cross, primeira tamén para España nesta nova modalidade que gaña adeptos pola súa espectacularidade. Nova praza olímpica para España, aínda que falta determinar cal será o deportista que a ocupe.  

 A seguinte cita internacional de Ochoa será o 15 e 16 de xuño en Cracovia, na terceira Copa do Mundo e de novo só en cross. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario