10 de abr. de 2024

TUI

O libro “Las costuras del guión: textos de cine y vida”, de Daniel Domínguez, será presentado en Tui

 O acto celebrarase este venres 12 de abril, ás 20:00 horas, na sala municipal de exposicións, contando coa presenza de Pepe Coira, Carlos Amil e do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro




Infogauda / Tui

 Este venres, 12 de abril, ás 20:00 horas, na sala municipal de exposicións, no edificio Francisco Sánchez, terá lugar a presentación do libro “Las costuras del guión: textos de cine y vida”, unha recompilación de escritos do cineasta tudense Daniel Domínguez. No acto participarán Pepe Coira, acreditado produtor e guionista, e editor desta obra; así como o cineasta Carlos Amil. Ambos amigos de Daniel Domínguez e compañeiros na Escola de Imaxe e Son de A Coruña. Tamén participará o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro.  

 No limiar a esta obra Pepe Coira escribe que “Las costuras del guión” reúne unha antoloxía de textos tomados do blog de Daniel Domínguez “La escuela de los domingos” entre 2009 e 2020 que nos ofrece “una mirada singular de un contador de historias”.  

 Daniel Domínguez Pérez (Tui, 1955 – Teira, 2020) foi guionista cunha longa traxectoria.  Foi un dos autores de series de televisión como “Mareas Vivas”, “As leis de Celavella”, “Padre Casares”, “Terra de Miranda”“Miña sogra máis eu”, etc e de películas como “Blanca Madison” ou “Os fillos do sol”. No ano 2002 recibiu o premio Mestre Mateo ao mellor guión por “Terra de Miranda”. Dirixiu as curtametraxes de ficción “O Segredo” e “Río de Sombras”, rodadas en Tui.  

 Foi un dos fundadores da Escola de Imaxe e Son de A Coruña e a súa erudición cinéfila quedou patente nas súas numerosas colaboracións como crítico de cine, pero sobre todo no seu excelente blog “La escuela de los domingos”. Pioneiro do cinema e do audiovisual galego foi unha das figuras clave deste sector nas últimas décadas.  

 Daniel Domínguez foi tamén concelleiro do Concello de Tui na primeira corporación municipal democrática.  

 En abril do pasado ano a súa familia doou ao Concello de Tui a súa biblioteca, que foi instalada na Biblioteca Municipal tudense e que está formada por cerca de 2.000 obras especializadas en cine e máis de 1.000 filmes en DVD.  

 A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, agradece a deferencia da familia de Daniel Domínguez e dos editores deste libro ao escoller a nosa cidade para a súa presentación, que terá lugar ao carón da súa biblioteca que está en proceso de catalogación por parte do persoal da Biblioteca Municipal que leva catalogados xa máis de 700 filmes en DVD e unha parte da colección bibliográfica que está así xa a disposición dos usuarios para consulta e mesmo préstamo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario