10 de abr. de 2024

TOMIÑO

Tomiño busca unha imaxe creativa para conmemorar o Día das Letras Galegas  

 A OMIX convoca o consolidado concurso de deseño de camisetas, no que se valorará o atractivo e a inspiración para o fomento, normalización e promoción do galego  

 As propostas poderán entregarse ata o vindeiro 9 de maio ás 09.00 horas 

 


Infogauda / Tomiño  

 Tomiño busca unha imaxe orixinal e creativa para conmemorar o 17 de maio. Un ano máis a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) convoca unha nova edición do Concurso de deseño da Camiseta do Día das Letras Galegas 2024, un certame xa consolidado que busca conmemorar esta data tan sinalada con enxeño e creatividade arredor da lingua e da literatura galega. 

 O deseño será libre e aberto e debe recoller nunha frase, nun deseño gráfico ou nun debuxo dixitalizado algunha idea que poña en valor o galego. “O noso obxectivo é conseguir recoller dun xeito visual a defensa da nosa lingua e facelo cun deseño atractivo, inspirado e que busque o fomento, normalización e promoción do galego en todos os eidos das nosas vidas”, salienta o concelleiro de Mocidade, Agustín González. 


   Imaxe do deseño gañador da edición de 2023
Foto: C.T.

 As propostas presentadas a concurso deberán estar deseñadas para colocarse unicamente na parte dianteira da camiseta a unha soa cor para estampar sobre fondo branco. Como ven sendo habitual, todas as persoas que participen e envíen as súas creacións serán agasalladas cunha camiseta co modelo gañador serigrafiado. Ademais, a persoa autora da camiseta contará coa difusión da súa ilustración tanto nas redes sociais municipais como a través dos diferentes medios dispoñibles do Concello.  

 A frase ou o deseño máis votado polo xurado, composto polo grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño, será serigrafiado en máis de 800 camisetas que serán repartidas de balde entre as persoas que participen nas actividades que o Concello programará para celebrar o propio Día das Letras Galegas. Ademais, a persoa gañadora poderá escoller entre tres agasallos: un libro electrónico Kindle; uns auriculares inalámbricos de Apple; ou un reloxo intelixente Amazfit GTS 4 Mini Negro Medianoite.  

 As persoas interesadas en participar deberán enviar as súas propostas a omix@tomino.gal antes do xoves 9 de maio ás 09.00 horas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario