1 de abr. de 2024

TUI

A Xunta de Galicia licita por 1 M€ as obras de acondicionamento das vías próximas ao enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 en Tui 

 Intervirase no treito da N-551 que discorre entre as interseccións do antigo enlace da autovía e que pasará a ser de titularidade autonómica, construíndo beirarrúas e reordenando o aparcadoiro


O contrato licitado hoxe inclúe intervencións nun treito da N-551 que pasa a ser autonómico, na autovía A-55 e en viarios municipais do polígono de Areas e da súa contorna que resultaron afectados pola execución das obras da autovía

Fonte: X.G.

Infogauda / Tui

 A Xunta de Galicia deu a coñecer no día de hoxe, a licitación por importe de 1.023.591 euros,  das obras de acondicionamento das vías situadas na contorna do enlace da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, en Tui.  

 A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destes traballos, que teñen como obxectivo realizar adaptacións do viario á nova configuración da circulación tras a execución da conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de  Areas, en funcionamento desde o pasado mes de febreiro tras un investimento autonómico de 26 M€.  

 As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 29 de abril.  

 En concreto, o contrato licitado hoxe inclúe intervencións nun treito da N-551 que pasa a ser autonómico, na autovía A-55 e en viarios municipais do polígono de Areas e da súa contorna que resultaron afectados pola execución das obras da autovía.  

 Máis en detalle, as intervención de acondicionamento do treito da estrada N-551 entre as interseccións do antigo enlace, que pasa a ser autonómico como parte da PO-552, incluirán a adaptación da sección transversal, con eliminación do carril central que quedou sen uso, a construción de beirarrúas e a reordenación do aparcadoiro. Nos vaos peonís colocarase pavimento táctil.  

 Tamén se procederá á reposición do firme existente, á disposición dunha parada de autobús, á execución dunha nova rede de pluviais ou á mellora da rede de iluminación.  

 No caso das actuacións na A-55 estas centraranse na renovación do firme e na instalación de pantallas acústicas adicionais.  

 Prevense, ademais, outros remates como o acondicionamento das glorietas do polígono de Areas por onde se desviou o tráfico e melloras en distintos camiños municipais da contorna do polígono.  

 A previsión da Xunta é adxudicar as obras no mes de xuño e comezar a execución en xullo, cun prazo de execución de 6 meses.

Ningún comentario:

Publicar un comentario