Teatro, música coral e espectáculos para público familiar hoxe e mañá nas festas de San Telmo
• Tras unha intensa fin de semana hoxe continua a programación das festas patronais
Infogauda / Tui
A actriz Isabel Blanco deu lectura ao pregón o sábado ao mediodía e pola tarde entregáronse os premios Cidade de Tui a Susana Esteban e á Asociación Amigos da Catedral. A música foi protagonista cos concertos de Fillas de Cassandra, Quinkillada, Manuel Madarnás, The Turre’s Band, as bandas de música Popular de Tui e a Agrupación Musical do Rosal, e as bandas de gaitas Arume, de Malvas; e Lembranzas da Terra, de Guillarei, e non faltou a cita co folclore no festival folclórico no que onte á tarde participaron no Teatro Municipal os grupos Santa Columba, de Ribadelouro; San Telmo, Traxe Tradicional, Seixos Albos, de Areas; Lembranzas da Terra, de Guillarei; Inquedanzas, de Pazos de Reis; O Mosteiros, de Pexegueiro; Xuntanza, de Randufe; e Darraia, de Tui. La Oca Band amenizou a primeira verbena.
Hoxe luns comeza a XIV Semana de Teatro Amador. Dese xeito, ás 20 h a Compañía Artística Interdisciplinar (CAI), do Espazo Xove, que dirixe Laura Villaverde, con “Efecto rabaño”, será a encargada de abrir a programación teatral deste ano. Será cunha acción escénica contemporánea que nos mergulla no caótico mundo interior dun grupo de adolescentes mentres loitan contra o control parental, exploran a súa identidade a través da lectura e da música, e enfrontan os conflitos existenciais propios da xuventude. Sabela Martínez Villaverde, Celia Bugarín Brocos, Candela García Martínez, Lucía Piñeiro Benavides, Eugenia Seoane Urceira, Ilán Munro Espinosa e Eva Afonso Ribeiro forman o elenco da obra.
Mañá martes, ás 21 h, será a quenda do grupo de teatro Chirlomirlo, da Asociación Cultural Xuntanza, de Randufe, que porá en escena “Don Juan”. A obra escrita por Manuel Diz González é unha adaptación ao século XXI do clásico de José Zorrilla. Areta Bolado dirixe ao elenco formado por Pilar Álvarez Aballe, Jose Amancio Muíños González, Pablo Alfaya Pérez, Noelia Solla Diz, Alba Martínez Domínguez, Alberto Sánchez Murias, Graciela González Patricio, Juan Carlos López Pazo e Manuel Diz González. As entradas están á venda en tui.gal ao prezo de 2€ até o día da función ás 18 h. Resérvase unha porcentaxe para a venda no despacho de billetes o día da función dende unha hora antes.
A música coral chegará hoxe ás 16.30 h á Residencia Paz e Ben coa Coral Ponte das Febres, e mañá, á mesma hora, actuará a Coral San Telmo no Centro de Día Amoralia.
O público familiar poderá gozar na carpa da Corredoira ás 18 h hoxe con “Os ourizos agarimosos” con música e monicreques e mañá con “Globotolo” de Barafunda.
Luns 1
16.30h – 17.00h. Na Residencia Paz e Ben, actuación da Coral Ponte das Febres.
18.00h – 19.00h. Na carpa da Corredoira, música e monicreques con “Os Ourizos agarimosos”.
20.00h – 20:30h. No Teatro Municipal, XIV Semana de Teatro Amador coa CAI, Compañía Artística Interdisciplinar, do Espazo Xove de Tui. Estrea de “Efecto Rabaño”.
Martes 2
16.30h – 17.00h. No Centro de Día Amoralia, actuación da Coral San Telmo.
18.00h – 19.00h. Na carpa da Corredoira, actuación de “Globotolo” de Barafunda.
21.00h – 22:15h. No Teatro Municipal, XIV Semana de Teatro Amador co grupo Chirlomirlo de Xuntanza, de Randufe. Estrea de “Don Juan”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario