22 de abr. de 2024

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Ana Belén Cid recibe o V Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía   

A cerimonia de entrega tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos e contou coa presenza dos presidentes da Xunta e do Parlamento de Galicia  

O estudo premiado desenvolve modelos preditivos para mellorar o prognóstico e tratamento da insuficiencia mitral severa, a patoloxía valvular máis común entre os maiores de 75 anos  


O mecenas e empresario Ramiro Carregal fixo entrega a Dra. Ana Belén Cid Álvarez do V Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía “Enfermidades valvulares cardíacas”



Rebeca Santomé /  Santiago de Compostela 

 A Dra. Ana Belén Cid Álvarez recibiu o V Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía “Enfermidades valvulares cardíacas”. A cerimonia tivo lugar este luns na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela onde estivo presente o mecenas e empresario Ramiro Carregal, encargado de facer entrega dun galardón que nesta quinta edición premia un estudo sobre a insuficiencia mitral severa, a patoloxía valvular máis común entre os maiores de 75 anos. 

 A doutora Ana Belén Cid Álvarez é cardióloga no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e investigadora principal do proxecto premiado con 30.000 euros e diploma acreditativo, que recolleu na mesma gala. Xunto con ela forman parte do equipo Ramiro Trillo Nouche, Amparo Martínez Monzonís, Alfredo Redondo Diéguez, Ana García Campos, Inés Gómez Otero, Belén Álvarez Álvarez, Violeta González Salvado e Xabier Irazustra Olloquiegui. O traballo premiado leva por título "Optimización dun programa contemporáneo de reparación valvular mitral percutánea: estudo de determinantes prognósticos e desenvolvemento de modelos anatómicos preditivos computacionais".    

 Durante o seu discurso, a galardoada quixo agradecer a colaboración de todos os profesionais implicados no tratamento dos pacientes con insuficiencia mitral severa e ao seu equipo de traballo no Servizo de Cardioloxía do CHUS. Ao mesmo tempo, tivo unhas palabras para o empresario Ramiro Carregal “polo seu apoio incondicional á investigación en Cardioloxía, colaborando connosco en mellorar a saúde dos nosos pacientes”, sinalou Ana Belén Cid.  




 Ao acto de entrega asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; a xerente da área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez Masid; a directora científica do IDIS, Mª Luz Couce Pico e a directora do IDIS, Isabel Lista García; así como o presidente executivo do Xurado e xefe de Servizo de Cardioloxía e UCC do CHUS, José Ramón González Juanatey. 

Novas técnicas de reparación mitral 

 O estudo aborda o desenvolvemento de novas técnicas de reparación mitral na insuficiencia mitral severa (IM) para mellorar o seu tratamento e prognóstico, pois se estima que a súa incidencia aumente nos próximos anos debido ao envellecemento poboacional. “É a patoloxía valvular cardíaca máis común en maiores de 75 anos e a súa predición sen tratamento é desfavorable, ademais o elevado risco cirúrxico supón unha alta porcentaxe de pacientes con IM non tratados”, sinalou a investigadora durante o acto.  

 O grupo de investigación liderado por Ana Belén Cid Álvarez levou a cabo este traballo no que desenvolveron técnicas de reparación valvular mitral percutánea “cuxa aplicación incrementouse significativamente nos últimos anos”. Dado que as novas xeracións de dispositivos para a reparación valvular mitral permiten acceder con seguridade a anatomías previamente excluídas desta terapia, “ábrese unha oportunidade para aqueles con alto risco cirúrxico e IM complexa, pero tamén supón un reto na planificación do tratamento e a selección de doentes”, sinalou a investigadora. 

 Neste senso, o grupo liderado por Ana Belén Cid realizou un estudo de pacientes con reparación valvular mitral integrando datos clínicos, bioquímicos e anatómicos con técnicas de imaxe avanzada. O obxectivo principal é desenvolver modelos preditivos computacionais para planificar e optimizar o procedemento cirúrxico, ao mesmo tempo que se evitan intervencións innecesarias. Ademais, analizáronse os resultados no seguimento, en redución da insuficiencia mitral e remodelado ventricular. “Con este traballo tamén se pretende identificar os factores preditores de eventos e elaborar un modelo que permita seleccionar a aqueles pacientes que se beneficien da terapia”, sinalou o equipo compostelán. 

 A pesar de que non dispoñer de estudos de custos para procedementos percutáneos de tratamento da insuficiencia mitral neste medio, no que respecta ao impacto socio-sanitario e económico “a identificación de marcadores non invasivos e a elaboración dun modelo preditivo permitirán optimizar os recursos asociados a este tratamento ao refinar a selección de pacientes que realmente se beneficien do mesmo”, indicou a investigadora galardoada, Ana Belén Cid Álvarez.  

Simulador in-silico 

 Un dos puntos máis novidosos da proposta é o desenvolvemento dun simulador in-silico de reparación mitral “borde a borde” que permitirá ao equipo médico planificar o procedemento cirúrxico de forma personalizada “mediante a análise do estrés das válvulas mitrais en función do tamaño, número de dispositivos ou a súa posición, así como o resultado esperable. Ao incrementar a complexidade dos casos sometidos a reparación valvular mitral percutánea, cobra importancia realizar unha planificación personalizada da intervención”, sinalou Cid durante o evento.  

 Aínda que a aplicación de modelos computacionais en insuficiencia mitral aínda é incipiente, a colaboración desde o Servizo de Cardioloxía do CHUS con empresas punteiras neste sector, “será unha oportunidade para o desenvolvemento de modelos computacionais de reparación mitral percutánea borde a borde”.  

 No Servizo de Cardioloxía do CHUS contan cun equipo con ampla experiencia no tratamento percutáneo con terapia borde a borde en doentes con insuficiencia mitral severa, cunha unidade de cardioloxía intervencionista que implementou esta terapia desde o inicio do seu desenvolvemento, unha unidade de imaxe cardíaca avanzada con equipos de TC e RMN propios e cardiólogos expertos no desenvolvemento e aplicación de modelos computacionais en intervencionismo valvular. 

 Ademais, a identificación de marcadores non invasivos e a elaboración dun modelo preditivo permitirán optimizar os recursos asociados a este tratamento ao refinar a selección de pacientes que realmente se beneficien do mesmo. 

Fomentar o mecenado 

 Todas as persoas que interviñeron no acto puxeron de relevo, unha vez máis, a necesidade de que toda a sociedade se implique na investigación como única forma de avanzar no coñecemento. Neste senso, o empresario Ramiro Carregal mantén o seu firme compromiso coa investigación e a sanidade coa quinta edición deste galardón creado no ano 2018 que supón un paso máis na súa aposta polo mecenado no que xa contaba con destacadas accións, como un premio dedicado á investigación oncolóxica. O presidente de Frinsa fixo un chamamento á implicación empresarial e insistiu en que é un deber de toda a sociedade apoiar a investigación e a sanidade, posto que todos beneficiámonos antes ou despois”.  

Colaboración do Fidis 

 Na súa concepción, o galardón xurdiu en base a un acordo entre o Presidente de Frinsa, Ramiro Carregal, e os responsables da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (Fidis), Eloína Núñez e o Dr. José Ramón González Juanatey, xefe do Grupo de Investigación en Cardioloxía do IDIS, asinado para dar soporte á investigación das alteracións de carácter patolóxico que afectan ás válvulas do corazón e que constitúen a terceira causa de doenzas cardíacas no noso país. Enfermidades, ademáis, que aumentan o risco de accidentes cerebrovasculares e insuficiencia cardíaca, disparando o número de ingresos hospitalarios, o tempo de estancia e a mortalidade asociada, que actualmente se sitúa arredor dun 60 %. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario