22 de abr. de 2024

PONTEVEDRA

Xunta Provincial de Seguridade 

Abel Losada valora o desigual comportamento da criminalidade no primeiro trimestre: baixa un 0,5% no rural e sube un 5,8% nas cidades   

A cidade de Pontevedra rexistrou un incremento dun 16,4% e no ámbito da Comisaría de Marín subiu un 39,1%  

A cidade de Vigo tamén incrementa un 5,3% as súas estatísticas, pero faino por debaixo da media provincial 

Vilagarcía é a cidade con mellor evolución da provincia, cunha baixada que chega ata o 13,2% 

Nas estradas provinciais preocupa o número de usuarios vulnerables falecidos: das 8 persoas mortas, 3 eran motoristas e 2, peóns  


O subdelegado do Goberno, Abel Losada, nun momento da Xunta Provincial de Seguridade de hoxe, cos oficiais ao mando da Policía Nacional e da Garda Civil
Foto: S. de G.


Infogauda / Pontevedra 

 O primeiro trimestre do ano trouxo un comportamento irregular da criminalidade que se reflicte nas estatísticas que o subdelegado do Goberno, Abel Losada, estudou hoxe cos oficiais ao mando da Policía Nacional e da Garda Civil. Así, mentres no ámbito urbano, competencia da Policía Nacional, as cifras subiron un 5,8% no conxunto da provincia; no ámbito rural, é dicir na zona da Garda Civil, produciuse un descenso dun 0,5%. 

 Abel Losada foi informado de que os primeiros deste mes de abril amosan signos claros de que a delincuencia está comezando a diminuír en tódalas cidades e mantense estable no ámbito rural, polo que agárdase que as cifras, ao remate do ano sexan moi parecidas ás do conxunto de 2023, que foi un ano bo. 

 O subdelegado contextualizou este primeiro trimestre, que case sempre é o peor do ano, coa “foto real” da provincia, que ten unha taxa de criminalidade de 36 delitos por cada mil habitantes, mentres que no conxunto de España está nun 51 por mil, “polo que podemos dicir que vivimos nunha provincia moi segura”. “Porén - engadiu -, somos inconformistas e queremos estar moi espertos para actuar sobre calquera sinal de alerta”. Asistiron á Xunta Provincial de Seguridade o comisario xefe provincial, Juan José Díaz; o comisario de Vigo, Ramiro Gómez; o coronel da Garda Civil, Simón Venzal, e o capitán do Subsector de Tráfico, Antonio Pérez Piteira. 

 Abel Losada foi informado de que na cidade de Pontevedra a criminalidade creceu un 16,4% no primeiro trimestre do ano, pois pasou de 710 delitos a 827. Durante a xuntanza, o comisario xefe explicou o informe elaborado pola Comisaría sobre a colocación de bolardos e outros obstáculos no centro da cidade que dificultan o paso dos vehículos patrulla e manifestou que estas dificultades non existen no resto das cidades e vilas da provincia. O subdelegado deu conta do seu respecto total polas competencias urbanísticas do Concello de Pontevedra, pero tamén reiterou o seu apoio á Policía Nacional, “que fixo un informe técnico falando de cuestións operativas na prestación dun servizo tan básico para a cidadanía como é a seguridade”. 

 No ámbito da Comisaría de Marín o repunte no primeiro trimestre é dun 39,1% pasando de 115 a 160 delitos. Tanto en Pontevedra como en Marín hai signos claros de que abril está resultando “moito máis tranquilo” despois de que o número de detidos neste primeiro trimestre teña subido un 30,5% na capital da provincia e nun 62,5% na localidade marinense. 

 En canto á Comisaría de Vigo, hai un incremento dun 5,2% que é, por tanto, inferior ao 5,8% do conxunto da provincia no ámbito da Policía Nacional. A cidade olívica pasou de 3.058 delitos a 3.219 comparando os primeiros trimestres de 2024 e 2023. O número de detidos é practicamente o mesmo. O subdelegado do Goberno lamentou que se estean ofrecendo visións alarmistas da seguridade en Vigo por mor dos dous homicidios perpetrados neste primeiro trimestre do ano, dos que un se explica por un brote psicótico do suposto autor, que padece unha enfermidade mental. A este respecto, Losada recordou que o chamado “crime da maleta” produciuse o pasado mes de setembro, polo que non pode engrosar as estatísticas do primeiro trimestre do ano. Ademais, recordou, tódolos homicidios foron esclarecidos. “A realidade é a que se recolle nas estatísticas policiais, nin máis nin menos. E os datos do primeiro trimestre de Vigo son mellores porcentualmente que os doutras comisarías, e no que levamos de abril son aínda mellores”. O subdelegado foi informado, ademais, da detención e ingreso en prisión de varias persoas responsables de roubos no interior de vehículos, un apartado que tiña crecido nos últimos meses. Esta circunstancia vai repercutir favorablemente nas próximas estatísticas viguesas. 

 As mellores novas chegan dende a Comisaría de Vilagarcía, onde a delincuencia descendeu un 13,2% no primeiro trimestre do ano, rebaixando o número de delitos dende os 499 aos 433, unha baixada que foi cualificada como “espectacular” por Abel Losada. Tamén en Vilagarcía, abril estase comportando en moi boa dirección. 

 O outro dato positivo durante a sesión da Xunta Provincial de Seguridade achégao a Garda Civil, pois na súa demarcación o descenso é dun 0,5% no primeiro trimestre do ano. A este respecto, Abel Losada recordou que hai unha clara liña de estabilidade con respecto aos últimos anos. 

 O último apartado abordado na Xunta Provincial de Seguridade foi a accidentalidade nas estradas neste primeiro trimestre. Rexistráronse un total de 8 persoas falecidas (unha máis que no mesmo período do pasado ano). Volve preocupar o número de usuarios vulnerables, pois das 8 persoas, 3 eran motoristas e 2 eran peóns. 

 O subdelegado anunciou que a próxima campaña de seguridade da Dirección Xeral de Tráfico vai incidir directamente sobre os motoristas. Ademais, lanzou unha mensaxe de produdencia ás persoas que camiñan polas estradas, pois unha das dúas vítimas atropeladas neste trimestre camiñaba de madrugada pola N-640 en Agolada vestida con roupa escura e a outra cruzou a autovía VG-20.  

 Losada concluíu reiterando a súa petición de “sentidiño” aos responsables políticos que utilizan a seguridade viaria como arma de confrontación política, “pois os accidentes prodúcense en todo tipo de estradas, con independencia de a que Administración corresponden e, como sempre sucede, as estradas autonómicas absorben máis da metade dos sinistros mortais, moi por enriba das nacionais e das locais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario