A sanidade galega mobilizarase en apoio e solidariedade coa sanidade en Palestina
• A CIG-Saúde convoca concentracións este mércores 24 de abril en todas as áreas sanitarias
Infogauda / Galiza
A CIG-Saúde mobilizarase este mércores 24 de abril en apoio e solidariedade co persoal sanitario e de axuda humanitaria de Palestina. As concentracións terán lugar ás 12:00 horas diante da entrada principal dos sete hospitais de referencia das distintas áreas sanitarias.
MOBILIZACIÓNS
• Ferrol - Hospital Universitario Arquitecto Marcide.
• A Coruña - Hospital Universitario de A Coruña.
• Santiago de Compostela - Hospital Clínico.
• Lugo - Hospital Lucus Augusti.
• Ourense - Hospital Universitario de Ourense.
• Pontevedra - Hospital Universitario Montecelo.
• Vigo - Hospital Uniersitario Álvaro Cunqueiro.
O acto, convocado pola CIG-Saúde en repulsa aos ataques a hospitais, centros de saúde, ambulancias, escolas médicas, persoal sanitario e de axuda humanitaria, conta co apoio da Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes e Galiza por Palestina.
A CIG-Saúde fai un chamamento ao persoal da sanidade a sumarse a estas mobilización porque “non podemos ficar caladas diante do xenocidio e barbarie que outros están a consentir”.
MANIFESTO
OS HOSPITAIS DE GAZA NON SON UNHA AMEAZA!
A sanidade galega en apoio á sanidade da Palestina.
Os hospitais, centros de saúde e ambulancias non poden ser obxectivos militares.
As traballadoras e traballadores da sanidade galega queremos dicir que o persoal da sanidade da Palestina non está só.
A CIG-Saúde, co apoio da Asociación Galaico Árabe Jenin, Mar de Lumes e Galiza por Palestina, instamos ao persoal da sanidade e ao conxunto da cidadanía, a concentrarse o mércores 24 de abril ás 12 h, nas portas dos Hospitais das sete cidades de Galiza en repulsa aos ataques a hospitais, centros de saúde, ambulancias, escolas médicas e persoal sanitario e de axuda humanitaria.
Bombardear hospitais, centros de saúde e ambulancias é un crime de guerra que converte en vítimas ás persoas que tiñan que coidar e socorrer á poboación de Palestina.
O Estado de Israel está utilizando os ataques aos centros sanitarios dentro da estratexia de barbarie e xenocidio contra o podo de Palestina.
Condenamos as políticas de apartheid e violencia, tanto física como simbólica, psicolóxica e económica, do estado de Israel contra a poboación árabe da Palestina. Os ataques contra hospitais, centros de saúde e ambulancias son unha mostra desta violencia.
Segundo a propia OMS recoñece, o estado de Israel está realizando ataques sistemáticos contra hospitais, clínicas ou ambulancias tanto en Gaza como en Cisxordania.
Foron bombardeados hospitais cos corredores abarrotados de feridos, enfermos ou moribundos; coas morgues ateigadas; mentres se realizaban operacións sen anestesia e decenas de miles de gazatís desprazados estaban refuxiados ao seu amparo.
Como traballadoras e traballadores da sanidade non podemos quedar caladas fronte a esta barbarie, fronte a este xenocidio, polo que queremos mostrar o noso apoio e solidariedade co persoal da sanidade de Palestina e reclamar a fin da barbarie e do xenocidio que está a cometer o estado de Israel.
A sanidade galega coa Palestina.
Alto aos ataques contra hospitais e persoal sanitario! Galiza coa Palestina!
Palestina vencerá!
Ningún comentario:
Publicar un comentario