2 de abr. de 2024

GALIZA

Denuncian que a Policía española quere prescindir do persoal non policial que tramita documentación 

 Dende a CIG-Administración advirten que a xestión da Dirección Xeral está a xerar presión sobre os traballadores/as 


Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 A CIG-Administración vén de denunciar que a Dirección Xeral da Policía española pretende desfacerse do persoal non policial encargado da tramitación de DI, Pasaportes e documentación de persoas estranxeiras. Dende a central sindical advirten que a actual xestión dos recursos humanos está a xerar presión sobre estes/as traballadores/as públicos/as.  

 A federación de Administración Pública da CIG critica que a Dirección Xeral da Policía deixou sen cubrir o 86 % dos postos vacantes na provincia de Pontevedra, o 81 %  na Coruña e o 75% na provincia de Lugo, mentres que no caso da provincia de Ourense non facilita datos. “En cambio, o que fan é poñen persoal policial a expedir documentación”. 

 Diante disto, a central sindical solicitou que se lle proporcionen os datos de canto persoal policial está nas unidades de expedición de documentación e en que comisarías. “Mais o Ministerio do Interior négase a facilitar esta información”. 

 Ao mesmo tempo, sinala que as retribucións do persoal policial son moi superiores ás do persoal dos Corpos Xerais, “polo que se está encarecendo considerabelmente o custo deste servizo público”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario