O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións participou no acto principal do Día das Artes Galegas 2024
• Román Rodríguez enxalza a figura de Asorey como “renovador da escultura sen renunciar ao seu vínculo coa tradición e a simboloxía de Galicia”
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe no acto principal en conmemoración do Día das Artes Galegas dedicado a Francisco Asorey, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes
Fotos: X.G.
Infogauda / Cambados
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe no acto principal en conmemoración do Día das Artes Galegas dedicado aa Francisco Asorey, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes. “Este día é moito máis que unha celebración en torno a figuras indiscutibles da nosa cultura como o Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Laxeiro, Martín Códax e agora Francisco Asorey”, salientou.
O representante da Xunta recoñeceu na figura de Asorey moitos dos nosos valores como pobo: “O traballo, o esforzo, a esixencia, a xenerosidade e o amor pola terra, pola súa cultura e polas súas xentes”, destacou, poñéndoo como exemplo de “rigor, coherencia e compromiso con Galicia”. Francisco Asorey é un dos pioneiros na “renovación da escultura sen renunciar ao seu vínculo coa tradición e a simboloxía de Galicia, sendo tamén un nexo coa modernidade”, engadiu.
Durante a súa intervención, o conselleiro en funcións resaltou unha das obras máis emblemáticas de Asorey: a súa Santa, sobre a que confesou sentir un cariño especial. “É unha homenaxe á muller, unha peza que supuxo romper con moitos estereotipos da súa época”, anotou. Esta peza estivo por primeira vez en Galicia na exposición Galicia, un relato no mundo, o que supuxo un motivo “de orgullo e celebración”. Hoxe, a Santa está exposta no Museo Zorrilla de Montevideo, converténdose “nun lugar de peregrinación e de encontro para galegos de todas as partes do mundo”, afirmou.
O acto celebrouse en Cambados, terra natal de Asorey, a que Román Rodríguez se referiu como “terra de escultores”. Cambados é “unha enorme fonte de inspiración pola súa natureza, pola aposta pola cultura e polas súas xentes, por iso non é casualidade que grandes artistas pertenzan a este lugar”. Ademais de Francisco Asorey, deste concello galego tamén son Paco Leiro, un dos escultores máis imaxinativos do panorama global, e Manolo Paz, un dos máis persoais da escultura galega.
Labor a prol da arte
O titular de Cultura en funcións tamén aproveitou a súa intervención no acto para aplaudir o traballo que realiza ao longo do ano a Real Academia de Belas Artes, coa que a Xunta colabora asiduamente, incrementando significativamente a achega orzamentaria. “Contade coa colaboración do Goberno galego para continuar con este nobre e máis que necesario traballo de difusión das nosas artes e da nosa cultura”, dixo, recoñecendo os esforzos que realiza a institución a prol do legado artístico e do talento creativo.
Esta cita é unha máis das que están pensadas para celebrar o Día das Artes Galegas, un “dos acontecementos fundamentais do noso calendario cultural, pois é necesario para dar visibilidade aos artistas que contribuíron á construción da nosa terra”, anotou Román Rodríguez. Para continuar homenaxeando a Asorey, a Xunta de Galicia prepara na Cidade da Cultura unha gran exposición comisariada por Miguel Fernández que se inaugurará no primeiro trimestre do 2025.
Ningún comentario:
Publicar un comentario