Xeremprega e a Comunidade de Montes de Camposancos asinan un contrato laboral
• Para a realización de tarefas forestais
Infogauda / A Guarda
O presidente da Asociación San Xerome Emiliani, José Emilio Álvarez Pena, xunto co xerente e administrador do Centro Especial de Emprego ─Xeremprega─, Feliciano Valcárcel Portela, reuníronse cos membros da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos para asinar un acordo laboral no que se comprometen a realizar tarefas forestais. No encontro participou o presidente da Comunidade, José Fernando Martínez Martínez, xunto co tesoureiro da mesma, Domingo Portela Lorenzo.
Durante o acto de sinatura, os membros da Comunidade de Montes deron a coñecer á empresa as necesidades que detectan na contorna, así como a posibilidade de establecer novas alianzas conxuntas. Así mesmo, as entidades puxeron sobre a mesa un acordo laboral no que ambas as partes comprométense a cumprir os puntos pactados durante o encontro.
O grupo de traballo - composto pola cuadrilla de profesionais que actualmente realizan a Formación Dual de Peón de Forestal - garantirán uns servizos idóneos, orientados a que as necesidades da Comunidade de Montes queden resoltas. O contrato terá unha duración dun ano, con posibilidade de prórroga de ata tres anos.
Desde a empresa - orientada a labores de limpeza, xardinería, forestal, hostalería, entre outros - están comprometidos en ofrecer servizos de forma personalizada e adaptada ás necesidades de cada cliente. Por iso, Xeremprega comprométese a realizar as tarefas relacionadas coa eliminación de plantas invasoras, limpeza e roza de camiños e acondicionamento de zonas recreativas e carreiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario