4 de abr. de 2024

A GUARDA

Primavera entre Letras

 Unha programación chea de actividades en torno á literatura e as Letras Galegas 




Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda presenta Primavera entre Letras, unha completa programación en torno á literatura e o libro, para os meses de abril e maio.  

 Tendo como ingredientes principais os fitos do Día do Libro que se celebra o 23 de abril e das Letras Galegas o 17 de maio, estas dúas datas estarán unidas por unha chea de actividades, que pensadas para todos os públicos e gustos amenizarán este inicio de primavera con entretemento, libros e literatura.  

 O mes de abril caracterizarase por traer cada sábado unha proposta diferente, con dúas actividades para crianzas, os días 6 e 20 de abril; un Museo de Poesía o día 13, que nos amosará a obra de diferentes autores dun xeito diferente e divertido; unha sesión de contos e historias de dona Emilia Pardo Bazán o día 27. Estas propostas virán complementadas coa celebración do Día do Libro, no que se poderán mercar os libros nas nosas librerías cun 10% de desconto, ademais de obter un pequeno agasallo de recordo do día. Ese mesmo día dará comezo así mesmo a xa consolidada Ruta do Libro, que ao longo dun mes permitirá obter un agasallo especial a todos aqueles que merquen libros por un valor de 30€ nas nosas librerías e logo visiten a Biblioteca Municipal.  

 O mes de maio estará mais marcado polo Día das Letras Galegas e así as diferentes propostas irán encamiñadas á difusión da nosa literatura e a nosa lingua. As citas principais neste mes serán a realización dunha exposición de obras literarias de Castelao e a celebración de dúas xornadas festivas, unha delas dirixida á mocidade guardesa e que se desenvolverá nos xardíns do IES A Sangriña e outra que se extenderá durante todo o día o domingo 19 de maio na Praza do Reloxo e que pretende render unha festa á nosa lingua e a nosa cultura cunha variada selección de actividades.   

PROGRAMA 

Sábado 6 de abril.- 12h.- Biblioteca Municipal

Contacontos “Escola de Dragóns”, en conmemoración do Día do Libro Infantil 

Sábado 13 abril.- 19h. Centro Cultural. 

Museo de poesía. A cargo da Asociación FOCO Europa. 

Luns, 15 de abril. - 20h. Centro Cultural.  

Presentación do libro “Cuaderno de viaje al país natal”, de Alfonso Armada. 

20 de abril. -18h. No Centro Cultural. 

Obra de teatro infantil “As fábulas da montaña”, sobre contos de Concepción Arenal 

23 abril.- Librerías da vila.   

Día internacional do libro. Desconto do 10% nas librerías da vila. 

23 abril - 25 maio. Librerías da vila. 

IV Ruta do Libro. Polo gasto mínimo de 30€ en libros nas librerías da vila, recolle un agasallo na Biblioteca Municipal. Infórmate na túa librería. 

27 abril.- 20:30h. Centro Cultural.

Doña Emilia e señora Carme: dúas señoras de conto. A cargo de Cris de Caldas.  

Do 6 ao 20 de maio. Casa dos Alonso. 

Exposición de obras de Castelao.  

16 de maio. IES A Sangriña. 

Festival das Letras  

19 de maio.  Praza do Reloxo.

Festa das Letras.

Xornada festiva con actividades para crianzas, sesión vermout e peche cunha sesión de cultura tradicional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario