O Rosal implícase coa auga
• A alcaldesa mantivo un encontro coas Comunidades de Usuarios de Augas de Consumo para informar sobre as subvencións para a mellora de instalacións, que se incrementaron nun 50%
• Ao longo do 2024 o Concello investirá máis de 138.000 euros nestas axudas, nas analíticas da auga, na colaboración coas traídas no mantemento ordinario e para o inventariado da rede municipal e veciñal de auga
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal renova un ano máis o seu compromiso coas traídas de augas veciñais do municipio. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez Alfonso, mantiveron este xoves un encontro con representantes das 12 Comunidades de Usuarios de Augas de Consumo rosaleiras para informar sobre a nova liña de subvencións para o financiamento de proxectos que teñan previsto desenvolver ao longo deste ano que redunden na mellora do servizo.
Durante o encontro a rexedora destacou “a implicación do Concello e a importancia de realizar un ano máis este investimento para preservar e optimizar a xestión dun recurso tan vital como é a auga. Por iso traballamos para incrementar nun 50% a partida destinada á acción planificada das traídas de augas veciñais”.
En total serán 30.000 euros destinados á adquisición de materiais, man de obra ou equipamentos asociados á inversión para a mellora do sistema de captación de augas, dos sistemas de almacenamento e potabilización e dos sistemas de distribución e para melloras xerais nas instalacións.
A través destas axudas, as Comunidades de Usuarios de Augas de Consumo poderán financiar ata o 80% dos gastos subvencionables destes proxectos ata un máximo de 5.000 euros por traída veciñal. As comunidades interesadas poderán solicitar esta subvención durante 30 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, extracto que se recollerá tamén na Sede Electrónica do Concello.
Ánxela Fernández Callís quixo agradecer a todos os veciños e veciñas que forman parte destas traídas de auga “a súa implicación e compromiso cos rosaleiros e rosaleiras, xa que xogan un papel moi importante na corresponsabilidade e na xestión deste ben básico”. Un esforzo que o Concello quere reforzar implicándose coa preservación e optimización deste recurso, como se reflicten nos orzamentos municipais, cunha partida de máis de 138.00o euros neste 2024 para continuar impulsando non só estas axudas para acción planificada, senón tamén as analíticas da auga, a colaboración ordinaria e o inventariado da rede de abastecemento veciñal e municipal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario