22 de mar. de 2024

O ROSAL

O Rosal e Anabam alíanse para protexer os niños de andoriñas no Baixo Miño   

 O Concello colabora por segundo ano consecutivo no ‘Proxecto Andoriña’, co que se busca recadar información de campo sobre a presenza destas aves na comarca 

  

Membros de ANABAM coa concelleira de Medio Ambiente do Concello do Rosal, e persoas premiadas na campaña ‘Proxecto Andoriña’, de 2023

Foto: ANABAM

Infogauda / O Rosal

 O Rosal e a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM) continúan unindo forzas para a protección dos niños de andoriñas na comarca. O Concello participa por segundo ano consecutivo no ‘Proxecto Andoriña’, unha campaña posta en marcha pola asociación que busca recadar toda a información de campo posible sobre a presenza destas aves e de vencellos no Baixo Miño, involucrando tanto ás administracións e institucións como á veciñanza. 

 “Para o Concello do Rosal é fundamental participar en todas as iniciativas que axudan con accións reais á nosa biodiversidade, promovendo entre a poboación un achegamento á nosa contorna, facendo que veciños e veciñas formen parte activa nos procesos de coñecemento, sensibilización e protección da natureza con accións e actividades sinxelas”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez Alfonso. 

 Esta campaña, iniciada o ano pasado, ten por obxectivo favorecer a presenza das andoriñas na comarca, evitando a destrución dos seus niños e mesmo xerando un fácil acceso destas aves ao interior de garaxes, bodegas,..., particulares ou promovendo que non se destrúan os niños construídos nos beirais dos tellados ou nos balcóns. Para conseguilo, ANABAM en colaboración do Concello do Rosal, sorteará seis premios en metálico entre as persoas que teñan niños de andoriña nas súas propiedades e participen na campaña cubrindo un formulario para recoller información das andoriñas presentes nas dúas beiras do Miño e fotos de cada un dos espazos.  

 Beatriz Rodríguez participou a finais do ano pasado na entrega de premios da edición 2023 desta campaña, no que a rosaleira Silvia Arias, de San Xoán de Tabagón, acadou un dos accésits outorgados. Tanto a concelleira como ANABAM agradecen a participación de todas as persoas que xa se sumaron a esta campaña, especialmente a aquelas que permiten que as andoriñas sigan aniñando na súa propiedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario