4 de mar. de 2024

NIGRÁN

As obras do aparcadoiro disuasorio de Nigrán avanzan na estrada Gondomar-Ramallosa con 72 prazas 

 Ana Ortiz visitou este luns a nova infraestrutura que se constrúe no ámbito da autoestrada AG-57 e a PO-340 (Gondomar-A Ramallosa) 


A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o ámbito da autoestrada AG-57, na súa conexión coa PO-324 (Gondomar-A Ramallosa) na que están a punto de finalizar as obras do novo aparcadoiro disuasorio

Foto: X.G.

Infogauda / Nigrán

 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o ámbito da autoestrada AG-57, na súa conexión coa PO-324 (Gondomar-A Ramallosa) na que están a punto de finalizar as obras do novo aparcadoiro disuasorio que suporá un investimento de preto de 650.000 euros. 

 Trátase dunha nova actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles. 

 Segundo lembrou a representante autonómica, a superficie total construída será de 3.500 metros cadrados para a creación de 72 prazas de aparcamento con dúas prazas para persoas con mobilidade reducida e a preinstalación de tres puntos de recarga para vehículos eléctricos. 

 A obra dá continuidade á senda peonil existente na PO-340 e constrúe zonas verdes con arboredo para sombra, ademais dunha franxa verde de 2,20 metros e un illote central axardinado. Ademais, repoñerase a parada de bus existente á entrada do aparcadoiro e habilitaranse cinco pasos de peóns para dar continuidade ao tránsito peonil. 

 Ana Ortiz tamén engadiu que se instala unha rede de drenaxe para a recollida de pluviais, a cal conectará a través de cuneta co río Miñor, e instalarase iluminación pública e vídeo vixilancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario