PIRAGÜISMO
GRANDES RESULTADOS PARA OS TEIXUGOS, NA 2ª COPA DE ESPAÑA DE SLÁLOM
Informa (fotos e redacción): Rosa Fernández Carrera
O venres 29 e o sábado 30 de marzo, celebrouse na canle de slálom da Seu D´Urgell a 2ª Copa de España de Slálom, competición de gran importancia pois forma parte dos selectivos para o equipo nacional e olímpico. As Copas de España son en realidade dous días con dúas competicións diferentes, cos seus podios e medallas. Semifinais e finais de venres e sábado puntuaban para formar parte do equipo nacional.
O Club Deportivo Miño acudiu con cinco deportistas, entre eles Luís Fernández e Manuel Ochoa con moitas posibilidades de superar os selectivos. Dado o nivel da competición podemos consideran que tiveron unha gran actuación ao acadar dúas medallas de bronce e unha de prata.
O tomiñés Manu Ochoa tivo unha boa actuación na súa axustadísima modalidade de K1 sénior. Rematou terceiro na semifinais do venres, e xa na final obtivo un cuarto posto. O sábado pasou a finais co cuarto mellor tempo, e na final foi terceiro, conseguindo o bronce.
O salcedán Luís Fernández, en C1 sénior, pasou comodamente a finais o venres coa terceira mellor baixada, e na final, aínda que fixo un gran descenso, co segundo mellor tempo, catro segundos de penalización por dous toques deixárono en quinto lugar. Menos sorte tivo o sábado, cando fixo unha baixada perfecta e na penúltima porta, a criterio do equipo arbitral, consideraron que non a pasara correctamente e penalizárono con cincuenta segundos, rematando undécimo.
Nesta mesma categoría, Brais Castro, quedou fóra de finais no venres, rematando duodécimo. O sábado, cunha gran baixada, conseguiu meterse na final, rematando en noveno lugar.
Emilio Rodríguez en K1 veterano, subiu ao podio nos dous días, o venres acadou medalla de bronce e o sábado a de prata.
Laura Alonso, en K1 sénior, o venres quedou fora de semifinais rematando décimo quinta e na xornada de sábado non fixo a súa baixada.
Na próxima semana celebrarase a 3ª Copa de España na localidade francesa de Pau, que tamén será selectiva, e ao remate coñeceremos aos integrantes do equipo olímpico e do equipo nacional de Slálom.
Ningún comentario:
Publicar un comentario