22 de mar. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés pecha a fase regular de Liga ante o Elxe 

 O partido terá lugar este sábado (19:00 horas) no Pavillón Esperanza LAG 

 O Mecalia Atlético Guardés debe gañar para ter opcións de quedar coa cuarta praza 


Momento dos saúdos entre as xogadoras de ambos os dous equipos, no encontro de ida
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda

 Este sábado concluirá a fase regular da liga Guerreiras Iberdrola. O Mecalia Atlético Guardés será protagonista dun dos encontros máis cruciais, no que debe gañar para ter opcións de quedar coa cuarta praza que outorga o billete a competición europea. Con todo, o duelo será de máxima complexidade, pois o seu rival é o Atticgo BM Elxe, que depende de si mesmo para pechar esta fase no máis alto da táboa.  

 Deste xeito, este sábado, 23 de marzo, ás 19:00 horas, o Mecalia Atlético Guardés terá que render ao máis alto nivel para frear o ataque das ilicitanas no Pavillón Esperanza LAG. No encontro que tivo lugar na Sangriña, as xogadoras do Baixo Miño conseguiron superar ás franxiverdes nun partido emocionante e queren agora repetir esa vitoria na pista rival. As do Baixo Miños veñen de colleitar moi boas sensacións tras gañar o derbi galego en casa ante o Conservas Orbe Rubensa Porriño e tentarán prolongalas neste último duelo da fase regular.  

 Non hai novidades na convocatoria. Para este encontro continúan dispoñibles as 16 xogadoras que estiveron no derbi que, xunto co corpo técnico, partiron onte pola noite cara a territorio alacantino. Tras a viaxe nocturna en autobús, o equipo ten programado un adestramento esta tarde, ás 16:45 horas, no Polideportivo Isabel Fernández de Torrellano.  

 Despois do partido, virán varias semanas de parón pola celebración de competicións internacionais. A xogadora do Mecalia Atlético Guardés, María Palomo, foi convocada coas Guerreiras para a concentración previa aos dous últimos compromisos da fase de clasificación do europeo. A preparación levaraa a cabo en Pinto (Madrid), do 28 ao 31 de marzo.  

Cristina Cabeza: “Non temos nada que perder, imos coa ilusión de poder conseguir esa cuarta praza que asegure competición europea” 

 Cristina Cabeza asegura que “o equipo está ben, con moitas ganas” de afrontar o envite. Ao mesmo tempo que recoñece que “a pista do Esperanza LAG é moi complicada”. Neste sentido, explica que “van primeiras e gañando serían campioas de liga. Imaxínome que terán moitas ganas e moita ilusión de que pase iso”. A pesar da complexidade, hai ganas de disputar o partido: “Non temos nada que perder, imos coa ilusión de poder conseguir esa cuarta praza que asegure competición europea”. 

 Aínda que é consciente que para lograr a cuarta praza, non só fai falta gañar: “Non dependemos de nós mesmas, iso está claro, pero imos tentar pelexalo”, engade.  

 A adestradora sinala que “o equipo adestrou ben” e que as xogadoras “están con moitas ganas e con moita ilusión despois de gañar o derbi”. Nas súas palabras: “Imos tentalo de todas, todas”.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola – Xornada 22 

Atticgo BM Elxe – Mecalia Atlético Guardés  

Sábado, 23 de marzo, ás 19:00 horas, no Pavillón Esperanza LAG.

En directo, pola canle de YouTube do Club Balonmán Elxe e Tele Elx.

Ningún comentario:

Publicar un comentario