13 de feb. de 2024

TUI

A comparsa “Terra dos Mil Segredos” da Asociación Cultural O Borraliño gañadora do Entroido de Tui

 Miles de persoas ateigaron as rúas novas da cidade


Dúas das comparsas que participaron no Desfile-Concurso de Entroido en Tui
Foto: C.T.


Infogauda / Tui

 Miles de persoas ateigaron esta tarde as rúas novas de Tui para gozar coa creatividade, o corido, o humor, a imaxinación,…, das 12 comparsas participantes no Desfile-Concurso de Entroido en Tui. 

 A comparsa da Asociación Cultural “O Borraliño”, de Soutelo (Salceda de Caselas) con “Terra dos mil segredos”, foi a gañadora na categoría xeral e tamén en carrozas no desfile-concurso.  A catedral de Santiago, cunchas de peregrino, pementos de Padrón, polbo, ou cervexa galega formaron parte da súa representación de Entroido.     

 Na categoría absoluta o segundo premio correspondeu á charanga Cantos Somos, con “Cantos Somos…O Mercado Gourmet”, cunha parodia do estado actual do mercado de abastos de Tui, na que non faltaron os distintos postos, as obras,…     

 O terceiro premio correspondeu á Asociación Cultural de Mañufe, de Gondomar, con “Bauhaus, fantasía racional” cunha representación da escola de arte e arquitectura Bauhaus fundada en 1919. Foron amais os gañadores do segundo premio en carrozas.     

 Mentres o cuarto premio correspondeu á Asociación Cultural de Pontellas con “A natureza e a súa maxia”, que presentaron á raíña Titania e as tres Ondinas, fadas protectoras dos recursos naturais coa súa maxia.     

 En carrozas amais do primeiro premio para “Galicia é a terra dos mil segredos”, e o segundo para “Bauhaus, fantasía racional”, o terceiro premio correspondeu á “Fantasía da Flor de Loto”, da Asociación Cultural Comparsa Luces, de Tomiño, que se inspirou na flor de loto e na cultura e tradición tailandesea. 

 O cuarto premio en carrozas foi para Pop Art Andy, da Asociacion Os da Casa, de Vigo, que representou o traballo e as obras de Andy Warhol.   

 O xurado optou por deixar deserto o premio na categoría de Fantasía. Outorgou amais un Premio especial para a Asociación Cultural de Pontellas coa comparsa “A natureza e a súa maxia” por favorecer a participación de persoas con discapacidade.     

 Tamén participaron a asociación cultural “Arume”, de Malvas, con “As Fochancas da Panorámica de Tui”; o grupo Scouts Aloia, con “Case Nunca Máis”; a Asociación do Centro Cultural Parada do Miñor, de Nigrán, con “Os Camaleónicos”; a Asociación Cultural Comparsa Os Choqueiros, de Redondela con “Os Choqueiros A Nosa Tribu”; a Asociación A Pandilla, de Pontecaldelas, con “La pandilla en Las Vegas”;  a Asociación Lembranzas da Terra, de Guillarei, reNdendo unha homenaxe ás forzas armadas.     

 Mentres o xurado deliberou amenizou a espera o grupo Unión y Fuerza. 

 O Entroido despedirase o próximo domingo co Enterro do Bacallau que sairá ás 19.30 h da praza de San Fernando.        

PREMIOS DESFILE-CONCURSO DE ENTROIDO 

Categoría Absoluta  

1º.- Terra dos mil segredos da Asociación Cultural O Borralliño, de Soutelo, (Salceda de Caselas).  

2º.- Cantos Somos… O mercado gourmet da Charanga Cantos Somos, de Tui  

3º.- Bauhaus, Fantasía Racional, da Asociación Cultural de Mañufe (Gondomar)  

4º A Natureza a súa maxia da Asociación Cultural de Pontellas (O Porriño).

Carrozas  

1º.- Terra dos mil segredos, da Asociación Cultural O Borralliño, de Soutelo (Salceda de Caselas).

2º.- Bauhaus, Fantasía Racional, da Asociación Cultural de Mañufe (Gondomar). 

3º.- Fantasía da Flor de Loto, da Asociación Cultural Comparsa Luces, de Tomiño.  

4º.- Pop Art Andy, da Asociacion Os da Casa, de Vigo.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario